Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro felicita e agradece a loita da Plataforma veciñal “salvar a Praia de Covas”, que co seu traballo e perseverancia ven de conseguir que Costas entregara ao Concello de Viveiro o tan demandando estudo de dinámica do litoral de Covas

Viveiro 20-6-18. @s nacionalistas de Viveiro queren manisfestar publicamente os seus
parabéns á Plataforma veciñal de Covas pola loita que, desde hai case tres anos, está a levar a cabo para a recuperación do areal da praia de Covas. Un traballo duro e longo no tempo pero que grazas ao esforzo e perseverancia da veciñanza empeza a dar os seus froitos, tal e como vimos de coñecer co envío ao concello de Viveiro, por parte de Costas, do estudo de dinámica do litoral de Covas, amén do transvase de 30 mil toneladas de area no mes de outubro de 2017. Transvase que asimesmo fora impulsado desde o Bng parlamentar a través da intervención da deputada nacionalista, Olalla Rodil, no Parlamento Galego, logo de recoller as demandas da Plataforma nunha das reunións que mantiveron en Viveiro, e no que se aprobara un acordo por unanimidade do Parlamento Galego que instaba á Xunta a acometer o transvase de area coa maior celeridade posible.
O Bng de Viveiro, por outra banda, lamenta que a pesares deste acordo parlamentar aprobado por unanimidade en febreiro de 2017, que incluía ” manter unha vía de comunicación directa e permanente con todas as persoas afectadas para procurar unha solución ao longo prazo para a fixación de area no areal viveirense” a Xunta de Galiza e Portos, fixeron oídos xordos a este acordo e ata o día de hoxe seguiron desoíndo as reivindicacións de diálogo e solicitude de información da Plataforma veciñal e botando balóns fóra sobre a súa responsabilidade e olvidando as súas promesas electoralistas, saltándose a coherencia que di ter Feijoo e o seu partido, e o que é aínda máis grave, se cabe, ocultando desde o mes de marzo o estudo de dinámica de litoral que segun Costas do estado lle fixera chegar.
Desde o BNG cremos que un dos detonantes últimos para que Costas se “animara a mover ficha” foi a petición de amparo ao Fiscal de Medio Ambiente de Galiza e a súa mediación por parte da Plataforma Veciñal “Salvar a Praia de Covas”. E por isto, é polo que animamos á veciñanza e aos colectivos implicados nesta loita a continuar coas súas legais e lexítimas reivindicacións, e así mesmo manifestamos que o BNG continuará a colaborar e apoiar esta loita desde todas as institucións nas que ten representación e, a pesares de estar excluídos da corporación municipal e, por tanto, daquelas xuntanzas que se convoquen desde a Alcaldía, tamén desde o Bng en Viveiro.
Desde o BNG estamos convencid@s que co traballo e esforzo conxunto da veciñanza de Covas e Viveiro imos ser quen de lograr que as administracións responsables da desfeita do noso emblemático areal adopten a mellor das solucións definitivas á degradación da praia de Covas, para conseguirmos así a rexeneración da praia urbana de Viveiro.

Exit mobile version