Concello, Deputación e Xunta son coñecedoras desta problemática e ata agora aínda non fixeron nada ao respecto
Nestes términos manifestouse Mario Pillado, que afirmou que “O CD Burela FS foi a única institución que deu pasos ao respecto, pois no seu día xa comunicou ás institucións, a Concello, Deputación e Xunta esta situación e notificoulles a prórroga de dous anos que a LNFS concedera ós clubes para adecuarse as súas esixencias.
Este problema non lle afecta só ao CD Burela FS CB Burela, pois outros clubes coma o Clube de Tenis, a Escola de Ximnasia Porta Norte, a actividade de patinaxe, os clubes ciclistas Cerezo e Burela, a fundación Eu Son, a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental da Mariña ou incluso a AFD Porto de Burela vense moi limitados no seu traballo polo colapso que sofren as instalacións deportivas de Burela”
A Deputación dispón de 2.290.000€ para transferencias de capital a concellos
Pola súa parte, o deputado provincial Antonio Veiga adiantou que exixirá un compromiso orzamentario por parte da Deputación de Lugo, ao mesmo tempo que desde a institución provincial instará á Xunta ao cofinanciamento do novo pavillón, e Olalla Rodil, parlamentaria do BNG dirixirá tamén unha iniciativa á Xunta no mesmo sentido.
Veiga afirmou que “o compromiso da Deputación ten que ser inescusable, pois en días pasados, esta aprobou a incorporación de remanentes para executar neste exercicio, e na partida de Transferencias de Capital a Entidades Locais, incorporaron 2.290.000€, polo que a escusa de que non hai cartos non vai valer, pois se hai vontade por parte das tres institucións, a deputación xa podería dispoñer de cartos para unha primeira anualidade nun convenio plurianual”
Pillado e Veiga concluíron afirmando que se hai vontade entre as institucións, o novo pavillón de Burela, do que se beneficiará tamén o conxunto da Mariña, pode ser unha realidade en pouco tempo.