Mondoñedo, 01 xuño do 2018. O portavoz do BNG, Eloi Cabanas, rexistrou onte no concello de Mondoñedo unha moción na que insta ao goberno municipal a que faga as xestións oportunas ante a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para que o servizo de fisioterapia se imparta no Centro de Saúde da súa localidade.
O voceiro nacionalista apunta que, “dende fai varios anos, o Sergas creou a praza de fisioterapeuta en Mondoñedo para atender a doentes de Mondoñedo e Lourenzá, pero por motivos de marcado tinte político o traballo deste profesional estase a facer dende a Unidade de Atención Primaria de Foz, co conseguinte malestar para os usuarios e usuarias desta atención de Mondoñedo que teñen que desprazarse ata Foz para recibir diferentes tratamentos de fisioterapia”.
Segundo Eloi Cabanas o Centro de Saúde de Mondoñedo ten capacidade física suficiente para albergar a consulta e o tratamento de fisioterapia, “só falta dotalo dos medios e aparataxe necesarios xa que a praza de fisioterapeuta xa está orzamentada e consolidada na RPT do Sergas”.
Dada esta situación, o BNG quere mediante esta iniciativa que as institucións como o concello de Mondoñedo e a Xunta de Galiza, que teñen intereses e competencias neste asunto respectivamente, poñan solución ao mesmo.
Para o BNG, acercar este servizo de atención primaria a Mondoñedo sería fundamental para garantir unha calidade asistencial de todos os usuarios e usuarias da localidade, algo que para os nacionalistas non está a acontecer nestes momentos coas políticas do Partido Popular que “afastan a sanidade pública do lugar de residencia das persoas”, conclúen.