Seguimos aquí para defender un Sistema Público de Pensións que permita unha vida digna ás persoas xubiladas de hoxe e ás que veñen detrás, as nosas fillas e os nosos netos.
Seguimos aquí para exixir a derrogación das reformas laborais, pensión mínima igual ao salario mínimo interprofesional, xubilación aos 65 anos, blindaxe do sistema público de pensións, e pensións dignas e con poder adquisitivo.
Decíamos o pasado xoves que o PP pretendía facer ouvidos xordos ao clamor social que exixe pensións dignas, que querían vendernos un acordo partidario plasmado nos Orzamentos do Estado aprobados na súa primeira fase de tramitación no Congreso dos Deputados nos que incluiron unha raquítica suba das pensións, coma se con iso se solucionaran os graves problemas que trouxeron as reformas das pensións de 2011 e 2013, e as reformas laborais, e as políticas económicas e sociais aplicadas. Coma se a nosa loita fora só pola suba duns euros na pensión.
Hoxe están debatendo no Congreso unha moción de censura. Sexa cal sexa o resultado desa moción de censura e sexa cal sexa o presidente de que saia dela, a nosa postura vai ser a mesma, porque nós estamos aquí por moito máis que por unha subida raquítica e puntual das pensións, estamos para exixir un Sistema Público de Pensións que garanta unhas pensións dignas para todas e todos. Para quen a cobra hoxe e para quen a cobre no futuro.
A solución non está nos Orzamentos do Estado, está na derrogación destas reformas das pensións e a eliminación da política económica e laboral das reformas laborais, que xeran pobreza e explotación laboral.
Desde o actual goberno do Estado pretenden facernos crer que as pensións públicas non son viábeis e que hai que complementalas con aforro e con pensións privadas. Non caiamos na trampa. É o Estado o que debe garantir unhas pensións PÚBLICAS dignas. E pode facelo, non é un problema económico o que llo impide, só é precisa vontade política.
Colectivo de Xubilad@s e Pensionistas de Barreiros