Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela e Imdecum recollen a traxectoria do Memorial Heroes do Orzán nun libro

Burela 25-6-18. O Concello de Burela e a Fundación de Imdecum presentaron esta mañá o libro-guía do Memorial Heroes do Orzán, que repasa a traxectoria das seis edicións do torneo de fútbol sala base rendendo homenaxe aos policías Rodrigo Maseda Lozano, Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez, falecidos en 2012 nunha tentativa de rescate na praia do Orzán.

O acto tivo lugar no consistorio da localidade coa presenza do alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, xunto ao presidente de Imdecum, Marcelino Luna, e a nai do policía burelao, Rodrigo Maseda; tamén participaron dous dos encargados do proxecto, Ramón González, na redacción, e Fátima Ríos, no deseño e maquetación.

Ao longo dunhas 150 páxinas, o libro-guía ofrece unha ampla información en tres bloques, con historia do memorial, clubs participantes e persoeiros de relevancia que formaron parte do torneo, ademais datos de interese das sedes, con lugares de referencia de Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro. Tras o repaso pola historia do Memorial, con cadros de honra e impacto económico da cita, e entrevistas ás nais dos homenaxeados, tamén teñen espazo as impresións do Memorial dos seus padriños, o seleccionador nacional, José Venancio López, ou a xogadora ex-burelista Dolo Sánchez, xunto a Pola, e algúns xogadores que participaron na cita e conseguiron facer un sitio no futsal nacional como Alvarito, Javivi ou os mariñáns Hélder, Renato e Sofía. Por último, o encanto do patrimonio histórico, as praias, os espazos naturais e as festas dan paso aos retratos dos policías, a cargo do artisa Charly Martínez, autor da imaxe desta edición.

Conta atrás

Tan só quedan 2 días para que comece a rodar o balón na Mariña, na sétima edición do Memorial Heroes do Orzán, con 66 equipos, cun total de 21 entidades, procedentes de Madrid, Castela e León, Asturias e as catro provincias galegas. Dende o mércores pola tarde, 27 de xuño, os pavillóns de Vista Alegre e Monte Castelo (Burela), Marzán (Foz), A Veiga-San Cibrao (Cervo), Xove e Viveiro acollerán as categorías de prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Serán 5 xornadas de intenso fútbol sala, que se pecharán coa fase final o domingo, 1 de xullo, en Vista Alegre.

Exit mobile version