Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo destina 37.000 euros do orzamento ás entidades deportivas municipais

Cervo, 19 de xuño de 2018. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, xunto ao concelleiro de deportes, José Ramón Soto, mantivo esta tarde un encontro cos representantes das diferentes entidades deportivas do municipio. A convocatoria foi ás 19:00 horas, na Casa da Cultura en San Cibrao.
O alcalde destacou que foi unha reunión moi positiva, na que, ademais de tratar aspectos puramente deportivos, tamén resolvemos as axudas económicas directas que destinamos desde o Concello de Cervo, ano tras ano, para colaborar cos diferentes clubs no seu funcionamento diario. Este ano reservamos 37.000 euros do orzamento para este fin, case un 10% máis que no pasado exercicio, “porque consideramos que é fundamental o labor que desenvolven de xeito altruísta promovendo e enchendo Cervo de deporte ao longo de todo o ano, un traballo polo que debemos estar tremendamente agradecidos”.
As entidades son: S.D Candelaria, Club Deportivo San Ciprián, S.D Cervo Sargadelos, Club de Tiro con Arco ladovi, Club Medela MTB, Club de Tenis de Mesa San Ciprián, Club Limosa Surf e Club Náutico Amigos del Mar.
A reunión serviu tamén para comezar a programar e coordinar as diferentes actividades deportivas que estes clubs, en colaboración co Concello, programarán nos vindeiros meses.
Villares apuntou que á marxe desta axuda directa, dende o Concello de Cervo “tentamos colaborar sempre en todo o que está na nosa man na organización dos diferentes eventos, con todos os medios materiais e humanos que temos a disposición”.

Exit mobile version