Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo entregou os premios do VIII Concurso Fotográfico de medio ambiente “Cervo respecta”

Cervo, 05 de xuño de 2018.- O Concello de Cervo entregou esta tarde os premios do VIII Concurso fotográfico Cervo Respecta, coincidindo co Día do Medio Ambiente.
En total participaron 19 persoas de diferentes puntos de Galicia, que presentaron, en total, 37 fotografías, en 12 das cales se identifica claramente unha paraxe do noso Concello.
No acto, que tivo lugar na sala de exposicións do edificio anexo ao Concello, na que xa están expostas todas as fotografías do concurso, participaron, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de medio ambiente, Manuela Méndez.
Había tres premios establecidos. O autor da fotografía gañadora foi galardoado cunha figura de cerámica de Sargadelos e un vale de 150 euros para empregar en establecementos do Concello de Cervo. O segundo premio estivo dotado cunha figura de Sargadelos e un vale de 75 euros.
Ademais, tamén se premiou a mellor fotografía medioambiental na que se identificase claramente unha paraxe deste Concello; que recibiu un vale de 50 euros, premio Top Cervo.
Neste senso, o primeiro premio recaeu en Germán Paleo Navarro, pola fotografía que leva por título Estrelas no Roncadoiro, que recibiu 57 puntos. Unha instantánea tomada pola noite no Faro de Roncadoiro, en Xove.
O segundo premio foi para Diego Pérez Dopico, coa foto O Momento (52 puntos). Unha imaxe tomada no Baleo (Ortigueira).
O premio Top Cervo foi, nesta ocasión, para Antonio Herrera Huerta pola instantánea Portelo; na que se pode ver a imaxe dun aeroxerador que xira a toda velocidade polo efecto do vento de nordés.
Villares e Méndez quixeron felicitar aos gañadores e agradecer a súa implicación e grao de compromiso coa contorna “nesta cita xa consolidada no noso Concello, que celebramos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que ten lugar cada 5 de xuño cun único fin: o de concienciar no respecto ambiental, poñendo en valor un dos nosos bens máis prezados e vulnerables, a natureza”.
O xurado estivo composto por profesionais da fotografía, e a exposición estará aberta ao público durante todo o verán.

Exit mobile version