David Rivas declarou que “despois de moitos meses de traballo e dunha longa e complexa tramitación diante do Ministerio de Medio Ambiente, que é o titular destas instalacións, por fin conseguimos unha concesión deste inmoble para dedicalo ao deporte do remo”.
O edil nacionalista dixo que “este deporte, desde o seu rexurdimento en Ribadeo no ano 2013, a verdade é que nos está a dar á veciñanza ribadense moitas alegrías, tanto con títulos e podios en campionatos de España como en campionatos galegos e distintas regatas internacionais”.
Rivas manifestou que “estamos convencidos de que pouco a pouco irá poñendo ao noso concello á altura dos outros dous que están bañados pola ría de Ribadeo en materia deste deporte”.
O responsable de Deportes no Concello de Ribadeo subliñou que “queremos e debemos dotar este inmoble dun mínimo de instalacións que favoreza a actividade para as numerosas nenas e nenos que actualmente practican o remo, e que ata este momento non contaban nin con vestiarios nin con duchas de auga quente”.
David Rivas anunciou que “imos destinar arredor de 60.000 euros de fondos propios municipais para construír dous vestiarios, un para nenos e outro para nenas”.
E engadiu que “hoxe, 6 de xuño, queda aberta esta licitación que se prolongará durante 26 días naturais. Nese prazo as empresas capacitadas poderán presentar as súas ofertas para despois executar as obras nun período de tres meses, co que, se todo vai ben, no outono quedarían rematadas”.