Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello organiza unha viaxe institucional a Madrid para promocionar o bonito de Burela. O día 30 de xuño haberá unha degustación nun restaurante da capital

Burela, 9 de xuño de 2018. O Concello de Burela organiza unha viaxe institucional a Madrid do 28 de xuño ao 1 de xullo. O obxectivo é promocionar o bonito de Burela na capital do Estado. Haberá unha degustación o 30 de xuño nun restaurante. A expedición que viaxará a Madrid visitará o Congreso e o Senado así como o Madrid dos Austrias e dos Borbóns, entre outros lugares.
O alcalde, Alfredo Llano, anuncia que “faremos esta viaxe institucional na que imos colaborar o Concello e A Moncloa, a asociación de xubilados do mar que este ano deu o pregón, máis Ledicia porque, entre outras cousas, queremos facer alí unha degustación de bonito, para ter un acto promocional do bonito de Burela, de como se pesca, etc…, unha información completa. Imos facela en Madrid nun restaurante para poder publicitalo e informar á xente, porque queremos que se saiba como se pesca o bonito e o bo que é este túnido, para que sexa comprado en calquera sitio de España. Invitaremos tamén á prensa, hai xa unha serie de xornalistas que van estar alí para saber como se cociña. Será unha degustación extraordinaria, polo tanto como nos parece importante imos facelo en Madrid, a capital de España”.
O rexedor engadiu que “aproveitando esta viaxe imos facer unha visita ao Congreso dos Deputados máis ao Senado, veremos o Madrid clásico dos Austrias e dos Borbóns, e tamén faremos unha visita ao Escorial e ao Valle dos Caídos”.
Alfredo Llano manifestou que “nos parece importante facer este tipo de actos e visitas institucionais dado que se pretende darlle importancia a Burela, que sexa coñecida e ademais presumir do que temos, que é un bo porto con bo peixe que se pesca artesanalmente e cunha calidade extraordinaria. Ao mesmo tempo tamén aproveitamos para que, xa que nos achegamos a Madrid, vexamos o máximo que se poida esta xente do mar da Moncloa, Ledicia e a xente do Concello que vaiamos, vendo o que merece a pena en Madrid”.

Exit mobile version