Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación acondiciona tres estradas provinciais en Lourenzá cun investimento de 63.500 euros

Lugo, 19 de xuño de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, supervisaron o inicio dos traballos de mellora en 3 estradas provinciais deste municipio, que financia o Goberno da Deputación con 63.500 euros. Trátase da LU-P-2801; a LU-P-2803, e a LU-P-2805, estradas nas que se acondicionará un total de 2,2 quilómetros, rehabilitando o firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e incremento da seguridade vial, coa instalación e renovación da sinalización horizontal e vertical.

Campos Conde remarcou que con estas actuacións “damos resposta á demanda dos veciños de Lourenzá, reivindicando unha vez máis a nosa condición de Deputación social, rural e comprometida coas persoas. Dende o Executivo traballamos para atender as necesidades dos veciños e, sobre todo, mellorar a súa calidade de vida cunhas óptimas infraestruturas viarias independentemente de onde vivan”.

López García agradeceu a implicación e a colaboración da Deputación no arranxo destes viais provinciais. “O ano pasado xa fixemos unha mellora importante co arranxo da LU-P-2801, de Santo Tomé, por Santo Adriano e Augasoxa a Mazo; e o Camiño A, que vai do Zapateiro a Santo Adriano, na que se investiu 465.000 euros no arranxo de máis de 6 quilómetros, e hoxe continuamos traballando nese camiño, co arranxo destas estradas”.

As actuacións que se acometerán nas vindeiras semanas son as seguintes:

– LU-P-2801, de Santo Tomé a San Adriano: acondicionamento 560 metros, entre os puntos 0,400 ao 0,960. Trátase da principal vía de comunicación para a zona, pois ademais de unir as parroquias de Santo Tomé e San Adriano, beneficiando de xeito directo aos 1.000 veciños que viven na zona. É ademais a estrada que conecta o municipio laurentino coa localidade de Riotorto.

– LU-P-2803, de Santo Tomé a Lindín: acondicionamento de 750 metros, entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,750. É unha estrada que une a localidade laurentina co Concello de Mondoñedo, concretamente co núcleo de Lindín.

– LU-P-2805, de Santo Tomé a Santa María Maior: acondicionamento de 950 metros, entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,950. É a outra vía de comunicación entre os Concello de Lourenzá e Mondoñedo, que conecta as parroquias de Santo Tomé e Santa María Maior.

Exit mobile version