Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación mellora con 355.000 euros a estrada que une Trabada con Barreiros

Lugo, 22 de xuño de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, supervisou as obras de mellora de máis de 5 quilómetros da estrada LU-P-6103 de Trabada por Fórnea a Barreiros, que financia o Goberno da Deputación cun investimento de 355.000 euros. O Executivo Provincial está a acondicionar o treito comprendido entre o punto quilométrico 11,9 ao 17,3. Os traballos consisten na rehabilitación do firme con aglomerado en quente, mellora da drenaxe, limpeza de cunetas e incremento da seguridade vial, coa renovación e repintado da sinalización horizontal e vertical.

Campos Conde destacou que “con estas novas actuacións damos resposta a unha vella demanda dos veciños de Trabada e Barreiros, beneficiando directamente aos preto de 4.000 mariñáns que viven en ditos municipios, xa que é a única vía de comunicación entre estes dous Concellos. Dende o Goberno Provincial traballamos para ofrecer aos nosos veciños unhas infraestruturas e dotacións públicas de primeiro nivel, independentemente de onde vivan, dentro da nosa aposta por ser unha Deputación coas persoas, social e rural”.

O Presidente lembrou que “é unha vía de comunicación fundamental para esta zona, pois, ademais de ser a estrada que une Trabada con Barreiros, é a que conecta co Hospital da Costa, en Burela”. A LU-P-6103 de Trabada por Fórnea a Barreiros é unha estrada que asume moito volume de tráfico de vehículos pesados, pois pasa ao carón dunha planta de lixo de Sogama, situada na Insua en Barreiros, que presta servizo a maioría de Concellos da Mariña”.

Exit mobile version