Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local de Foz presentará un novo proxecto de orzamento municipal, no que se incluirán varias propostas de FPF

Foz, 20 de xuño de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anuncia que, unha vez rematada a rolda de reunións individuais con todos os grupos da oposición para negociar de novo o orzamento municipal deste ano, o único grupo que fixo propostas foi Foz Plataforma de Futuro (FPF) e todas elas serán incluídas no novo proxecto de orzamento e no plan económico financeiro, o que posibilitará tamén a saída para a posta en marcha da residencia de maiores.
O rexedor focense explica que “despois destas últimas reunións de forma individual cos grupos que conforman a corporación municipal, imos aceptar as proposicións que fixo públicas o grupo Foz Plataforma de Futuro para os orzamentos de 2018, que serán de mínimos xa que non foron aprobados os anteriores que presentou o equipo de goberno. Esas medidas son dotar con 120.000 euros un plan de emprego, con 30.000 euros unha partida para a mellora da traída de Mañente, con 20.000 euros outra partida de investimentos para arranxar o camiño de Pedrido e outros 50.000 euros para urbanizar a rúa Fonte da Cruz, tal e como fixo público o grupo de Foz Plataforma de Futuro”.
O alcalde salienta que “Foz Plataforma de Futuro foi o único grupo que presentou propostas, que se puxo a traballar e, dentro desa situación nova que propuxemos de mínimos, fixo as súas proposicións e este goberno aceptounas porque entran dentro do que é posible. Vainos permitir aprobar os orzamentos do 2018, con elo aprobar tamén o plan económico financeiro e a saída para a residencia de maiores, cunha serie de condicións que propuxo Foz Plataforma de Futuro, como é dotar cunha liña de axudas dun mínimo de 200.000 euros, que vai contemplada no plan económico financeiro, para que o Concello suplemente con esas axudas a todas aquelas persoas que van acceder ao xeriátrico e que non teñan medios, para que non poñan máis do 75 por cen da súa pensión e garantir que teñan un acceso como en calquera outra residencia pública do sistema autonómico”.
Javier Castiñeira manifesta ademais: “eu creo que son boas novas, esperemos que o pleno vaia nas circunstancias normais. Foron positivas estas reunións, aínda que lamentamos que PSOE e BNG non trouxeran ningunha proposta, especialmente o BNG, que foi un grupo que nestes últimos anos colaborou, que foi construtivo e produtivo e que non sei porque razóns a día de hoxe cambiou, pois nas dúas últimas xuntas de portavoces non apareceron para nada, non trouxeron unha soa proposta a nivel de pleno e comisións e no día de onte tiveron a mesma actitude. Non comprendemos ese cambio de actitude, porque fora positivo para o pobo e para eles, especialmente cando o equipo de goberno accedeu a moitas das súas proposicións, algunhas delas tan importantes como a da mellora do pavillón municipal cun investimento de máis de 500.000 euros. Creo que a postura que están tomando agora non é favorable nin para eles nin para os veciños. Pero alégrome de que Foz Plataforma de Futuro neste caso tome a decisión de ser construtivo e permita, con estes acordos, poder sacar adiante algo moi importante como é a residencia de maiores para que poidan disfrutar todos os veciños dela”.

Exit mobile version