Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES San Rosendo de Mondoñedo vén de rematar o primeiro ano de Arte en familia: Carpetas Viaxeiras

Mondoñedo 20-6-18. Trátase dunha iniciativa que pretende levar a arte aos fogares do alumnado do centro. A experiencia consistiu en que cada semana o alumnado de 2º ESO levou unha carpeta con cinco láminas de escultura á casa. Cada unha inclúe como mínimo a obra dunha muller, a dun artista galego/a , o resto son de todas as épocas e de todos os continentes. As fotografías van acompañadas da pertinente explicación. Ademais cada carpeta inclúe un glosario de termos artísticos e un listado de lugares de interese artístico e natural da Mariña , co fin de pór en valor o patrimonio da zona e de fomentar as saídas en familia para ver arte. Por último , a carpeta ofrece ás familias a posibilidade de opinar sobre as obras que lles tocan cada semana e de facer arte ( debuxo, fotografía, modelado, etc.) a partir dalgunha das fotografías incluídas na súa carpeta. 17 familias debuxaron e pintaron algo cada semana.
O próximo xoves ás 13:00 no salón de actos do instituto entregaranse os premios aos mellores traballos e haberá un agasallo para todas aquelas familias que comentaron as obras aínda que non pintaran. Todas as obras recibidas estarán expostas nos corredores do centro para que poidan ser admiradas por toda a comunidade educativa.
O vindeiro curso as carpetas de escultura serán para os que agora cursan 1º e os que pasan para terceiro terán carpetas novas con pinturas de todos os estilos e de todas as épocas. A idea é que nun prazo de catro anos estean implantadas nos cursos da ESO e que , se as familias responden coma este ano, forme parte da rutina do instituto . Cada curso terá unha arte diferente de xeito que empecen coas carpetas en 1º e cada ano vaian variando a medida que van cambiando de nivel.

Exit mobile version