Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza unha conferencia de Ana de Miguel en Foz

A Mariña 21-6-18. Baixo o lema “somos mulleres, non mercadoría”, Ana de Miguel dará unha conferencia o 29 de xuño a partir das 20:30 horas no Isla Nova Hotel de Foz. O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza este relatorio co obxectivo de poñer en cuestión a liberdade das mulleres para escoller en condicións de igualdade dado que, na sociedade, seguen vixentes valores machistas e sexistas que perpetúan as desigualdades de xénero en todos os ámbitos e que aumentan os riscos de padecer violencias machistas.
A flósofa feminista conta cunha recoñecida traxectoria no ámbito da investigación e a
docencia universitaria nos campos da Socioloxía, a Filosofía e a Teoría feminista. Foi profesora titular na Universidade da Coruña durante máis de 12 anos e despois da
publicación de varios libros, en 2015 sacou do prelo o ensaio Neoliberalismo sexual: el mito de la libre elección, que vai pola 10ª edición e cuxo contido será parte central do seu relatorio. No mesmo, Ana de Miguel analiza tres ámbitos nos que, na actualidade, non só se prorrogan, senón que incluso se potencian, os esquemas patriarcais: o amor, o sexo e a prostitución.
Este acto enmárcase dentro do ciclo ‘Activismos fronte ao patriarcado. Debates feministas na Mariña’ que continuará despois do verán para analizar, desde a perspectiva feminista, o papel e a participación das mulleres en diferentes ámbitos. A primeira cita, con Ana de Miguel, o 29 de xuño a partir das 20:30 horas no Isla Nova Hotel de Foz. Posteriormente, abrirase un coloquio para intercambiar impresións coa flósofa e, ao seu remate, está previsto que se sirva un viño galego que acompañe a despedida da autora e a sinatura de libros.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade convida a socias e veciñanza a asitir a este acto aberto.

Exit mobile version