O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, subliñou que “de todos é coñecida a situación, moi de actualidade nas últimas semanas, dos profesionais da Radio e da Televisión pública de Galicia, con Venres Negros nos que os traballadores se visten de loito porque non poden exercer o seu traballo con profesionalidade e co rigor e a seriedade que lles gustaría facelo. Unha televisión pública condenada por vulnerar o dereito á folga do 8M; unha televisión na que nos últimos días, dous dos seus presentadores máis coñecidos, Alfonso Hermida e Tati Moyano, as caras do telexornal da tarde, presentaron a súa dimisión porque non poden exercer o dereito á información con liberdade. Mentres, o Presidente da Xunta de Galicia di que non sabe nada disto, pois será que Feijóo non ve a súa televisión, porque ten convertido a TVG na súa propia canle”.
Santos Ramos engadiu que “a maiores de todo isto, a dirección da CRTVG vén de anunciar que serán suprimidas as desconexións locais dos servizos informativos radiofónicos, supoñendo unha maior centralización informativa e a perda das referencias horarias coas que durante anos contou a poboación para contribuír á plena cobertura informativa do conxunto do territorio galego, que defende a normativa vixente. Tamén suprimirá o Diario Cultural, principal espazo informativo en materia de cultura que leva 28 anos en antena, en detrimento da dimisión da cultura e lingua galega, e de todos os veciños da comunidade”.
“Estas medidas só se poden entender como unha dobre intención partidista do PP: desmantelar progresivamente os medios públicos de Galicia e, a un ano das próximas eleccións municipais, controlar ao máximo a información que poida chegar aos cidadáns. A Televisión e a Radio Galega son de todos e, polo tanto, debe caber a opinión e a información de todos”, concluíu.
Neste senso, os acordos aos que se chegou foron os seguintes:
1. Denunciar a manipulación e censura informativa na radio e televisión pública autonómica e esixir ao Goberno da Xunta de Galicia e á CRTVG o inmediato freo destas prácticas para acadar uns medios autonómicos públicos libres, independentes, plurais e ao servizo do interese xeral, que contribúan á formación dunha opinión pública verdadeiramente informada en todos os xéneros sobre a realidade no conxunto do territorio de Galicia e no Estado, tal e como demandan e defenden os profesionais do Xornalismo; así como para garantir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social do país, ademais de difundir e promover a lingua e a cultura galega, en cumprimento da Lei 9/201 1 dos medios de comunicación audiovisual de Galicia.
2. Instar ao Goberno da Xunta a elixir unha directora ou director da CRTVG de consenso con todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, aprobando o seu nomeamento pola maioría de dous terzos da Cámara galega, en cumprimento coa Lei 9/201 1 dos medios de comunicación audiovisual de Galicia.
3. Instar á CRTVG a pór en marcha medidas urxentes que garantan o servizo público e independente do poder político como o Estatuto Profesional de Redacción ou o Consello Informativo, tal e como esixe o Colexio de Xornalistas de Galicia.
4. Esixir á CRTVG a manter as desconexións locais nos servizos informativos da Radio Galega para contribuír ao dereito fundamental de acceso a unha información próxima para o conxunto da cidadanía galega que debe ser premisa dun servizo público; así como o Diario Cultural como espazo propio cultural informativo, de debate e reflexión.
Venres Negros
Os membros do Goberno Provincial solidarizáronse cos profesionais da CRTVG portando unha chapa na que reclamaban unha radio e televisión pública e de calidade. O Executivo sumouse, deste xeito, á campaña Venres Negros, posta en marcha polos traballadores e representantes sindicais concentrándose todos os venres na entrada principal da CRTVG e noutras delegacións e difundindo mensaxes e fotografías vestidos con roupa escura nas redes sociais, reivindicando, deste xeito, “medios públicos libres, independentes e ao servizo da cidadanía”.
Decreto TVE
O Goberno Central decidiu o cesamento dos actuais conselleiros e Presidente da RTVE para acometer a renovación do ente público. Con esta medida de urxencia o Presidente, Pedro Sánchez, termina co bloqueo de oito meses exercido polo PP para levar adiante a proposición de lei de maio de 2017 pola que se debería elixir a un novo consello, e ao seu presidente, por concurso público.