Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo critica a lentitude das obras na Rúa San Roque e dubida que estea en boas condicións para o Ribadeo Indiano

Ribadeo, 20 de xuño de 2018. O Partido Popular de Ribadeo critica a lentitude coa que se están a executar as obras na rúa San Roque e pregúntalle ao goberno local se vai estar lista e en boas condicións para o Ribadeo Indiano, evento para que faltan 15 días. O portavoz popular, Jesús López Penabad, advirte que se non é así será pola mala planificación do equipo de goberno municipal.
O voceiro do PP ribadense explicou: “pasei estes días pasados pola rúa San Roque, da que levamos tempo sen falar porque as obras sempre son molestas e unha actuación dese calado quizais un pouco máis. Pero agora preguntamos se vai estar lista esa rúa para o Ribadeo Indiano, porque é a principios de xullo, quedan quince días, e ao paso que vai temos dúbidas de cómo vai estar a principal rúa indiana”.
O portavoz popular engadiu: “podemos facer unha comparativa con Foz, onde están arranxando a rúa principal e vese unha gran cantidade de obreiros alí traballando e a obra vai a bo ritmo. Pero aquí, desde o descoñecemento, vemos bastante verde a obra e dubidamos que estea rematada no prazo previsto”.
López Penabad cre que “isto é debido a unha mala planificación por parte do equipo de goberno, porque se temos unha data no calendario marcada, como é a do festa indiana, creo que habería que dar un marxe suficiente para poder realizar as obras e non como se fixo. O alcalde anunciouna hai moito tempo pero realmente empezouse hai pouco. Oxalá nos enganemos, pero me temo que para o Ribadeo Indiano a rúa San Roque non vai estar en boas condicións”.

Exit mobile version