Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo critica ao alcalde por gastar 9.000 euros na contratación do helicóptero que sobrevoou o Concello. Os populares sinalan que hai varios lugares do municipio nos que se podería investir ese diñeiro

Ribadeo, 15 de xuño de 2018. O Partido Popular de Ribadeo critica ao alcalde porque, a pesar das críticas recibidas, levou a cabo a contratación do helicóptero que sobrevoou onte o municipio. O portavoz popular no Concello ribadense, Jesús López Penabad, manifesta que “foi un capricho do alcalde que supuxo un gasto de 9.000 euros de todos os ribadenses” e cita varios exemplos de lugares do municipio que se atopan nun estado lamentable e onde podería ser investido ese diñeiro.
Jesús López declara que “Ribadeo ten hoxe 9.000 euros menos, digo isto porque onte saíu o xa famoso helicóptero e polo tanto no Concello hai 9.000 euros menos para todos os ribadenses. Resulta curioso este gasto, que eu creo que foi un capricho do alcalde por facerse notar e por dar unha visión aérea de Ribadeo, pero podo enumerar unha serie de deficiencias que temos e que poden comprobar todos os ribadenses. Por exemplo a finca chea de maleza ao lado da gardería infantil, que xa denunciamos en repetidas ocasións pero segue sen limpar; na avenida Rosalía de Castro as silvas están saíndo por encima das paredes co cal pasar pola beirarrúa faise bastante incómodo, e tamén seguen sen limpar”.
O voceiro do PP engade que “tamén está a zona de detrás do colexio Sagrado Corazón e a antiga estación nun estado lamentable, sen limpar; a rúa Pintor Fierros, onde está a da piscina, atópase nun estado lamentable, chea de fochancas; a estrada paralela a da costa en Rinlo que pasa por diante do cámping, tamén denunciada en varias ocasións, atópase repleta de fochancas, é lamentable na situación na que está; alí hai un establecemento e creo que esas condicións non son nada favorables para el. Negocios en Ribadeo hai os que hai, moitísimo comercio e servizos, pero grandes empresas desgraciadamente temos poucas; entón eu creo que ao que quere investir, xerar emprego e saír adiante haberá que facilitarlle as cousas. Xa digo, o que está pasando na estrada onde está o cámping de Rinlo é realmente lamentable porque para tapar uns baches supoño que haberá uns euros no Concello, pero nin iso fan”.
López Penabad manifesta ademais que “hai outras estradas por aí, no resto das parroquias, polas que poden dar unha volta e alí van atopar cantidade de vías de titularidade municipal nun estado lamentable. Estamos a mediados de xuño, chega o verán co o aluvión de visitantes e as estradas están moi mal, non só para os que veñan a vernos senón tamén para os que as transitan e as que as sofren a diario. Gastamos en helicópteros para facernos un pouco máis famosos pero non arranxamos o que realmente é máis necesario”.
O portavoz dos populares no Concello de Ribadeo di que “falando dos desbroces agora mesmo creo que hai catro tractores desbrozando, dous deles por un convenio que teñen de varios anos coa Xunta de Galicia, e están limpando tamén vías municipais, aínda que a finalidade deses tractores era actuar en camiños forestais, pero como non se fan as cousas a tempo hai que utilizalos en limpar vías municipais porque están todas como están. E por fin temos dous condutores para os dous tractores do Concello, polo que xa están en marcha os dous e polo tanto agora, con catro tractores, entendemos que a limpeza desas vías debería ser máis áxil e máis rápida”.
Jesús López Penabad insiste en que “son 9.000 euros menos que temos os ribadenses porque o alcalde quere facerse notar, facerse ver, coa contratación dun helicóptero. Isto é o que fai o goberno municipal de Ribadeo, coa gran maioría absoluta que ten: fai o que lle dá a gana sen contar con ninguén, aínda que sexa un despropósito”.

Exit mobile version