Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo critica o gasto de 9.000 euros do concello na contratación dun helicóptero para revisar as parcelas afectadas pola lei de incendios

Ribadeo, 5 de xuño de 2018. O Partido Popular critica o gasto de 9.000 euros por parte do Concello de Ribadeo para revisar as parcelas afectadas pola lei de incendios de Galicia. Os populares consideran que é unha medida absolutamente desproporcionada que se leva a cabo polo ego desmedido e o afán propagandístico do alcalde.
O portavoz do PP no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, di que “hai moitos comentarios estes días en Ribadeo, creo que con toda a razón do mundo, polo helicóptero que vai contratar o noso equipo de goberno, o señor alcalde, para facer unha revisión de todas as parcelas polo tema da lei de incendios e dos desbroces”.
López Penabad explica: “vaia por diante que hai que respectar as distancias das plantacións ás casas e aos núcleos rurais, pero parécenos unha medida totalmente desproporcionada. Hai un ditame da comisión forestal onde dá marxe para facer estas actuacións porque hai moitas razóns polas que dalo. A climatoloxía foi como foi, o inverno para facer as cortas non é a época máis adecuada porque se desfán os camiños, porque non se entra nos montes, etcétera. Ademais hai que solicitar unha serie de permisos, non só o permiso de corta senón que a veces entran tamén outras entidades como pode ser Augas de Galicia, se pasa preto un rego, ou outro tipo de peticións, que fan que desde que se solicita a corta ata que se poida realizar pase un tempo, mínimo sesenta días. Xa sei que pasaron dous meses ata o 31 de maio, pero é que hai máis factores que inflúen, como que agora mesmo as fincas que se pretenden cortar non son de dimensións grandes e as empresas que teñen parte da maquinaria forestal que se utiliza non entran nesas parcelas. Polo tanto non hai tantas empresas que che poidan cortar e teñen lista de espera non só para cortar senón tamén para desbrozar, o que fai inviable, aínda que o propietario queira cortar, poder facelo en pouco tempo”.
O voceiro popular engade: “vemos un ego desmesurado do alcalde, isto é un afán propagandístico da súa persoa e da súa xestión, non só a nivel Galicia; eu creo que quere saír a nivel nacional e non sei si incluso internacional. O único que lle falta agora é contratar un caza, porque son 9.000 euros os que se vai gastar aquí; será que lle gusta moito ver Ribadeo desde as alturas, a vista de paxaro. Hai que pagar 9.000 euros dos ribadenses, tirar con pólvora allea é fácil, e é o que está facendo”.
Jesús López comenta tamén que “podía aterrar e despegar no campo de fútbol que co aire que produce ese helicóptero podía axudar a secalo un pouco, porque segue nun estado lamentable. Chove e o campo está en moi malas condicións. Houbo estes días un torneo e non sei se houbo algunha lesión pero é moi doado que se produza porque está realmente impracticable. Pois xa que temos o helicóptero que aterre e despegue alí a ver se de paso o pode secar”.
O portavoz dos populares no Concello de Ribadeo salienta ademais que “entre as medidas que a Xunta de Galicia aporta están as cuadrillas municipais contra incendios e tamén hai que dicir que o noso concello é excepción na Mariña e no resto de Galicia. É unha excepción porque leva tres anos sen solicitalas. Esas cuadrillas non só fan o traballo da extinción senón tamén o da prevención, e aí poderían actuar”.
Jesús López subliña: “parécenos moi ben que estea concienciado con este tema, pois ninguén quere incendios, pero parécenos un despropósito a contratación dun helicóptero gastando 9.000 euros. Eu se non o vexo non o creo. Parece de conto. Pero paso que fará esa visión aérea xeral de Ribadeo pode fixarse nas pistas municipais, da súa competencia, que ten sen desbrozar. Pode fixarse tamén na finca que está ao carón da gardería municipal, en pleno casco histórico de Ribadeo e rodeada de casas, e que segue sen desbrozar. E iso si que é un gran perigo porque ademais está chea de bichos”.
López Penabad engade que o alcalde “di que vai dar de prazo este mes de xuño e que despois vai sancionar. Pero antes de multar habería que ver todos os prazos que se teñen que cumprir e analizar en que situación está cada un realmente e non facer o que está intentando. Creo que o do helicóptero é desmesurado e con fin propagandístico unicamente porque están aí as eleccións, para o ano que vén, e creo que se quere facer notar, pero sempre a costa dos ribadenses o que nos parece lamentable. Eu creo que está perdendo o norte”.

Exit mobile version