Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Concellos de Alfoz e O Valadouro están presentes na feira Turexpo 2018

Silleda, 7 de xuño de 2018. Un ano máis, os concellos de Alfoz e O Valadouro participan de forma conxunta en Turexpo, Salón Turístico de Galicia que terá lugar en Silleda do 7 ao 10 de xuño, marco que suma as ferramentas necesarias para interactuar coa demanda turística e promocionar os dous concellos como destinos turísticos.
Nas dúas primeiras xornadas, realizaranse entrevistas con diferentes turoperadores nunha bolsa de contratación na que se mostrarán as potencialidades turísticas da zona para abrir novas vías de contacto coas empresas do sector.
No stand habilitado para os dous concellos, mostraranse ao longo destes catro días as rutas e recursos turístico; realizaranse degustacións de diferentes produtos típicos da zona; presentarase o Mercado Medieval de Alfoz e terá lugar unha demostración do zoqueiro Alberto Geada. Ademáis, dentro do programa de actividades está previsto realizar, entre os visitantes ao stand, cinco sorteos de fins de semana en Alfoz e O Valadouro por cortesía do Hotel Vila do Val, Casa Franco, Finca Galea, Casa Canaledo e Casa do Forno.
Xabier Padiñas, Tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura e Turismo do concello de Alfoz, valorou a experiencia do ano pasado como positiva xa que esta “feira é un moi bo expositor para mostrar os nosos puntos fortes e dar a coñecer ambos concellos para atraer un maior número de visitantes, converténdose nunha cita obrigada para a promoción dos concellos”.

Exit mobile version