Site icon Crónica3.com A Mariña

Os dous viños elaborados por Fumarel na Ribeira Sacra serán presentados este xoves en Ribadeo. No acto participará o prestixioso enólogo Roberto Regal

Ribadeo, 26 de xuño de 2018. Os dous viños elaborados na Ribeira Sacra pola Vinoteca Ultramarinos Fumarel, de Ribadeo, serán presentados neste establecemento este xoves, día 28, ás 21:30 horas. No acto, que será aberto ao público, participará o prestixioso enólogo Roberto Regal, xunto a promotor desta iniciativa, o empresario Gervasio Cao.
Cando se puxo en marcha esta iniciativa, no verán do ano pasado, o enólogo Roberto Regal explicou: “son de Chantada, enólogo de formación, consultor de bodegas desde hai 17 anos e nos últimos nove levo dedicándome a facer cultivos de viñedo en ecolóxico ou en sostible na Ribeira Sacra ben en fincas privadas ou que alugamos; facemos viños de finca, viños personalizados, como neste caso con Gervasio Cao, do Fumarel”.
Roberto Regal destacou que “isto non é facer un viño por para senón que consiste primeiro en coidar a cepa e en dignificar a viticultura. Na nosa empresa traballamos con xente nova, formada, e facemos todos os viños de xeito individual. Se as fincas son privadas cóbrase un servizo de viticultura, logo un servizo de verificación, e despois o deseño de cada un. Son todo pequenas fincas, entre 300 e 8.000 metros, e cada viño é singular”.
Os dous viños creados por iniciativa de Gervasio Cao son tintos Súmmum Ribeira Sacra. Un deles, chamado Fumarel Croa, foi elaborado con uva da variedade Mencía ao 100%, producíronse 1.600 botellas e foi embotellado no pasado mes de abril. O outro, denominado Fumarel Penadoso, foi elaborado con uvas das variedades Mencía e Brancellao, a produción é de 300 botellas e foi embotellado neste mes de xuño.

Exit mobile version