Site icon Crónica3.com A Mariña

“POSTA A DISPOSICIÓN”

Menos mal que o Secretario Xeral do PSOE Galego, digo PSOE e non PSdG por que a parte galeguista xa faia moito que a desbotaron, puxo toda a capacidade de cadros ó servizo do Presidente Sánchez. Menos mal… porque case non da formado goberno se non fose polas amplas e importantes incorporacións procedentes de Galicia, que como todos sabemos son ningunha.
Galicia volve a quedar mal parada na conformación da política estatal, e por suposto, non cola, a incorporación de Nadia Calviño como cota galega, seguro que non pasou moito pola estrada de Chantada ou a de Foz, para saber como esta o noso País.

O peso do PSOE de Galicia non pasa de promocións en redes sociais dunha batería de fotos do “líder” galego con Pedro Sánchez e toda unha sorte de declaracións, desafortunadas e pouco elegantes, do Sr. Caballero dende a secretaria xeral, que a pouco máis ven a dicir que todo ocorre grazas a el, será unha eiva de familia?

A realidade é ben distinta os gobernos pivotan, por necesidade política, nun eixo de potenciais votantes por iso o peso de determinados territorios, e tamén nun eixo de estabilidade dependendo do partido que toque o poder executivo, e hoxe Galicia non é estable no bando socialista.
Pedro Sánchez demostrou tesón e traballo, tamén capacidade estratéxica, esa é precisamente a razón pola que o PSdG non conta, Sánchez sabe que en Galicia están en claro retroceso, a executiva nacional galega non ten peso nas provincias: conflito en Lugo, conflito en Ferrol, conflito en Vigo, na cidade da Coruña … de pouco ou nada vale a cantidade inxente de cartos que se están adicando á promoción da figura de Caballero sobriño, xa que soamente é seguido por parte das bases, que non todas.

Se Galicia quere un Status Quo propio en Madrid ou Bruxelas ten que seguir a estela do País Vasco e incluso de Canarias. Buscar capacidade de poñer Galicia no centro do debate e con forza de negociación e presión. Construíndo un Estado de pobos dentro dunha Europa de pobos, iso non o vai defender un político que acredita no 155 e tamén que vai a Estremadura a dicir que o financiamento de Galicia ten que ser o mesmo que o da Rioxa. Moito menos un dirixente que publicamente vende o favor do apoio nas primarias ó seu Secretario Xeral, con moi pouco gusto.

Temos que entender que non se pode depender de Génova, da Complutense ou de Ferráz, a mostra é este gabinete, e a mostra vai seguir sendo a falta de peso de Galicia. Ou eliximos un camiño propio con decisión en Galicia ou dificilmente ocuparemos o lugar que nos corresponde na construción do Estado de Nacións, que o actual Presidente prometeu.

Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.

Exit mobile version