Site icon Crónica3.com A Mariña

PP e Foz, Plataforma de Futuro pactan nos orzamentos privatizar o servizo de augas, alerta o BNG

Foz, 22 de xuño de 2018. O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Foz quere facer unha primeira valoración da proposta de orzamentos formulada polo grupo de goberno e que recibiu xa o aval dos concelleiros de Foz, Plataforma de Futuro.

En primeiro lugar, a proposta de orzamentos deixa claro que os argumentos defendidos polo grupo de goberno para aprobar as contas e que merecen o apoio de Foz, Plataforma de Futuro son absolutamente falsos. Como xa afirmamos no seu momento, para apertura da nova residencia non é necesario a aprobación dun novo documento orzamentario, xa que abonda con elaborar un plan económico, que se non está aprobado a día de hoxe é pola incapacidade e a falta de xestión do goberno local. Outro tanto acontece cos servizos municipais, cuxo funcionamento tampouco se ve afectado pola falta dun orzamento novo para 2018, orzamento que no caso de ser aprobado entraría en vigor sete meses despois do que marca a lei, por existir crédito suficiente nas partidas dos actualmente prorrogados.

En segundo lugar, o Partido Popular e Foz, Plataforma de Futuro pactan nos orzamentos a privatización por outros vinte anos do servizo municipal de abastecemento e depuración de augas. A única explicación que atopamos para comprender a mudanza no sentido de voto de Foz, Plataforma de Futuro, que fai arredor dun mes votou en contra duns orzamentos practicamente iguais, é precisamente que os novos orzamentos, a diferenza dos anteriores, recollen a xestión privada da auga. Resulta curioso que o PP e FPF agocharan ao público que as contas municipais que pactaron recollen a privatización do servizo e vinculen ao recadado por este servizo a viabilidade do Plan de estabilidade de Foz. Neste sentido queremos informar que o PP levará ao pleno dos presupostos unha proposta de acordo para iniciar os trámites para sacar a licitación da xestión do servizo de augas.

En terceiro lugar, os orzamentos municipais propostos hipotecan as contas do Concello de Foz durante décadas. A deficiente xestión económica do actual grupo de goberno provocou un elevado endebedamento nos últimos dous anos, que agora tenta reducir privatizando por unha cantidade ridícula o servizo de augas. Así, segundo se recolle na proposta da alcaldía, o goberno local pretende recadar pola privatización do servizo durante vinte anos, 500.000 euros o que significa un negocio ruinoso para os veciños de Foz e un negocio redondo para a empresa concesionaria. As propias contas presentadas pola empresa Gestagua e os dados aportados pola consultora EPTISA recoñecen que a cantidade recadada por este concepto en Foz en 2017 sitúanse en 1.239.945, 56€, o que deixa en evidencia que os intereses que moven a decisión do PP e FPF non é defender o interese xeral senón os intereses particulares que todos coñecemos.

Por último, o BNG votará no vindeiro pleno en contra dos orzamentos municipais e da proposta de privatización do servizo de augas. Ao longo desta lexislatura, e en coherencia co que recollíamos no noso programa electoral, defendemos e seguimos defendendo a xestión pública do servizo de augas, por ser menos gravoso para as arcas municipais e sobre todo para o peto dos veciños de Foz, como a propia consultora EPTISA ten indicado nalgún dos seus informes. Na mesma liña, facemos nosas as propias advertencias que a interventora fai ao conxunto das contas municipais para 2018, onde sinala que a previsión de ingresos supera o que se recadará finalmente, motivo fundamental dos déficits que os presupostos de Foz xeraron nas dúas últimas anualidades e que seguirá aumentando este ano.

Exit mobile version