Site icon Crónica3.com A Mariña

Sempre guerreiras

Burela 10-6-18. O Pescados Rubén Burela FS finalizou esta mañá a súa xesta en Copa de España Cádiz 2018 como subcampión, con 2-4 fronte ao Atlético Navalcarnero. O cadro laranxa, que non puido contar con Sara Correia por unha escordadura de nocello, pelexou ata o final coa súa incansable garra, facendo fronte ás baixas de Jenny e Bea Mateos nos últimos minutos.

Adiantáronse as madrileñas no minuto 6, cun disparo de Ju Delgado que tocou en Dany. Con todo, as galegas conseguiron igualar a contenda con Jenny, no 12, de disparo cruzado. Desde o minuto 13, os dous equipos souberon xestionar ben a acumulación de faltas. Antes do descanso, no 16, as vermellas volveron adiantarse con Leti, nun contragolpe. Marta Pelegrín ampliou a fenda, xa no segundo acto, aproveitando un rexeite. Cumpríase o minuto 32 e Burela apostou por xogo de cinco con Bea Mateos.

Dany, no 35, volveu meter ás laranxas na final, finalizando o balón parado de Cilene. Tras unha brillante dobre parada de Jozi, Leti anotaba o definitivo 2-4, a porta baleira a falta de 46 segundos para a bucina, nunha recta final na que as burelistas sufriron a retirada de Jenny e Bea Mateos, por lesión, coa expulsión engadida de Julio Delgado e Lucas.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Cami, Jenny, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateos, Tai, Julia Forsiuk, Jozi, Lara

Atlético Navalcarnero: Balbuena, María Sanz, Amelia, Ariane, Ju Delgado, cinco inicial; tamén xogaron Leti, Marta Pelegrín, Desi

Goles: 0-1, minuto 6, Dany (pp); 1-1, minuto 12, Jenny; 1-2, minuto 16, Leti; 1-3, minuto 32, Marta Pelegrín; 2-3, minuto 35, Dany; 2-4, minuto 40, Leti

Árbitros: Linares López // Cordero Gallardo (Colexio Andaluz). Por Burela amarela para Jenny, Tai. Por Navalcarero amarela para Ariane, Leti, Amelia, María Sanz.

Incidencias: Partido correspondente á final de Copa de España Cádiz 2018 disputado en Complexo Deportivo Cidade de Cádiz.

Exit mobile version