Site icon Crónica3.com A Mariña

Vidal Romani fala en Foz sobre as formacións xeolóxicas da Mariña

Foz 6-6-18. A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o mércores 13 de xuño ás 20:30 no salón de actos do CENIMA unha palestra sobre as formacións xeolóxicas da Mariña, que correrá cargo do xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní. O conferenciante é unha das grandes autoridades nos estudos xeolóxicos no noso pais, ocupándose en diversos traballos sobre a realidade xeolóxica da comarca da Mariña, destacando entre os seus traballos recentes as súas investigacións sobre a formación da Praia das Catedrais. A este respecto debemos lembrar que é o autor dos diversos traballos encargados pola Xunta de Galiza para analizar a situación do conxunto natural.

Xoán Ramón Vidal Romani, profesor emérito de xeoloxía na Universidade da Coruña e membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias, é un dos máis recoñecidos xeólogos galegos, autor dunha abondosa bibliografía sobre o tema na Mariña. Colaborador de diversas publicacións especializadas é o editor dos Cadernos do Laboratorio xeolóxico de Laxe, publicación de referencia do tema en Galiza que se ven publicando de xeito ininterrompido desde 1986. Especialista no estudo dos procesos cuaternarios, tema no que centrou a súa tese doutoral, son abondosos os seus traballos sobre xeomorfoloxía, sendo o autor da cartografía xeomorfoloxica de Galiza.

O profesor Vidal Romanía na súa palestra fará un repaso pola historia xeolóxica da Mariña, significando aquelas formacións xeolóxicas máis características da nosa zona , significando para o caso de Foz as turbeiras da praia da Arealonga en Nois. Autor de diversos traballos sobre os procesos glaciais en Galiza, definiu a cronoloxía para os procesos e depósitos glaciais dos últimos 550.000 anos , complementando os dados xeomorfolóxicos e paleontolóxicos. Neste contexto é onde se explica as formacións de turbeiras da Praia de Arealonga, o de máis antigüidade de Galiza e considerado o xacemento paleoclimático máis importante conxunto do Estado español, converténdose ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos

As turbeiras de Nois proceden do último ciclo interglaciar do Cuaternario, adquirindo un valor fundamental para a reconstrucción da mudanza climática desde as primeiras etapas nas que se constata a aparición do home en Galiza. Nel atópase o primeiro estrato de cantos rodados, sobre o que se foron superpoñendo, alternativamente depósitos de turba e area dunar que abarcan todo o período da última glaciación até a actualidade. Ademais é un dos poucos xacementos que aínda se conservan que recolle información sobre período críticos nos que se extinguiron, sobre todo, especies de vertebrados. Estudando este depósito pódese reproducir (a través dos seus restos de esporas, polen e micro-restos de flora e fauna), as condicións climáticas e ecolóxicas que se sucederon durante os 120 mil últimos anos no norte da península.

Exit mobile version