Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada de intensa actividade e de recepcións no Concello de Ribadeo

Ribadeo 19-6-18. Xornada de intensa actividade e de recepcións no Concello de Ribadeo esta mañá. A primeira foi aos rapaces e rapazas do IES Dionisio Gamallo, de Primeiro da ESO, onde tod@s el@s cursan a asignatura de Igualdade de Xénero. Ademais participaron en varias actividades relacionadas coa igualdade, entre elas un percorrido guiado por diferentes rúas con nome de muller. Xunto ao alumnado estiveron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, e a directora do CIM, Luisa Couceiro. Desde o equipo de goberno subliñan que “seguimos traballando na visibilización das mulleres ao longo da historia”.

A relevancia da visita radica en que este alumnado recibiu por primeira vez ao longo de todo o ano a asignatura de Igualdade. Foi o primeiro centro educativo en solicitala e en Ribadeo foi impartida pola docente Teresa González Pineiroa, persoa con formación en xénero. Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “polo tanto, estamos ante a primeira xeración en Ribadeo que cursa de forma regrada, dentro do currículo educativo, a asignatura de igualdade”.

A segunda recepción desta mañá foi cos alumn@s de sexto da ESO do Ceip Gregorio Sanz, que asistiron a unha charla sobre o significado histórico do Ribadeo Indiano, así como unha visita guiada por diferentes espazos da vila asociados ao legado da emigración. Como recordo da xornada fixeron unha foto no Pazo de Ibáñez xunto ao alcalde, Fernando Suárez.

Exit mobile version