Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Mondoñedo presentará este venres en Madrid o programa do XXVII Mercado Medieval

Mondoñedo, 19 de xullo de 2018.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, viaxará o venres día 20 de xullo a Madrid para presentar o programa do XXVII Mercado Medieval que acollerá a localidade os días 10, 11 e 12 de agosto.
A rexedora estará acompañada neste acto, dirixido ao sector turístico e aos medios de comunicación, polo responsable de relacións institucionais da Asociación Pueblos más bonitos de España, Pedro Fernández Arroyo, e polo recoñecido blogger Diego Pons.
O lugar elixido para esta presentación é a sede de ‘Pangea’, a tenda de viaxes máis grande do mundo situada na Rúa do Príncipe de Vergara, 26.
Pueblo más bonito de España
Mondoñedo pasou a formar parte este mesmo ano do listado de ‘Pueblos más bonitos de España’, unha rede que suma 68 localidades agrupadas baixo este selo de calidade.
A Asociación colabora nesta presentación dentro do seu obxectivo de fomentar o coñecemento, conservación, mantemento e fomento do turismo nestas localidades.
Diego Pons, un embaixador de Mondoñedo
O recoñecido blogger Diego Pons tense convertido nun dos embaixadores de Mondoñedo ao darlle difusión aos seus recursos turísticos e gastronómicos a través dos seus vídeos. Ademais da gran cantidade de seguidores que ten nas redes sociais, os seus vídeos suman ata 300.000 reproducións. O protagonista de ‘Viajando con Diego’ participou na localidade nunha proba deportiva o ano pasado, a Toxiza Clasicc Extrem. Aproveitou a visita para coñecer a Catedral e a Cova do Rei Cintolo, que desde entón promociona a través das súas redes sociais.
O programa
O programa do XXVII Mercado Medieval recollerá todas as actividades que se van desenvolver no casco histórico de Mondoñedo, que como cada ano se encherá de postos de artesanía e alimentación, así como actuacións musicais e espectáculos de ambientación medieval. Tamén haberá demostracións de oficios tradicionais e espectáculos de animación.
O XXVII Mercado Medieval está organizado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo e Abanca.

Exit mobile version