Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Saúde A Mariña denuncia a falta de cobertura de persoal médico no Centro de Saúde de Viveiro

Burela a 18 de xullo de 2018. A sanidade pública da comarca «continúa en estado de auténtica emerxencia» a consecuencia das políticas do PP e a atención primaria «está sendo unha das principais damnificadas», denuncia a CIG Saúde A Mariña.
“Actualmente na quenda de mañá do Centro de Saúde de Viveiro (formada por 7 efectivos) un dos médicos de familia atópase de vacacións até o 1 de agosto, outro médico xubilouse e outra médica tivo un nomeamento político e o SERGAS non os substitúe agás de xeito esporádico e aleatorio cun só médico para cubrir tres ausencias”, explican dende CIG Saúde A Mariña.
Resaltan tamén que na semana do 2 ao 8 de xullo de 7 médicos de familia na quenda de mañá, só quedaron 4 ao non cubrir o SERGAS ningún día as 3 ausencias actuais.
Para este sindicato nacionalista, as consecuencias de que non se cubran as ausencias do centro de saúde de Viveiro “son moitas”, e entre outras destacan a masificación das consultas, os cupos profesionais por enriba do establecido legalmente e a redución de profesionais. Todas elas, aseguran, polas «decisións que levan á deterioración estrutural da atención primaria na comarca».
Unha destas decisións é a de non substituír ao persoal cando está de vacacións, por xubilación ou por outros motivos, o que está a ter como consecuencia «a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal nunha vila que ve aumentada a poboación durante o período estival polo turismo», engaden.
Dende CIG-Saúde A Mariña esixen a cobertura de todas as ausencias e consideran que “é básico rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio”.

Exit mobile version