Tanto a subdelegada do Goberno como o alcalde de Cervo constataron na reunión o descenso da delincuencia rexistrada ao longo do ano pasado no municipio.
Ademais da subdelegada e do alcalde, na reunión participaron representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
EVOLUCIÓN DA DELINCUENCIA
Segundo os datos oficiais presentados esta mañá pola xunta local de seguridade, a taxa de criminalidade en Cervo sitúase nas 12,87 infraccións por cada mil habitantes, máis de oito puntos por debaixo da media provincial e máis de catorce por debaixo da media galega.
As estatísticas da Garda Civil que se espuxeron na xuntanza revelan que a delincuencia experimentou un descenso do 5,17% en Cervo no ano 2017 con respecto ao ano anterior. A taxa de esclarecemento dos delictos de maior consideración (graves e non graves) foi do 60,8%.
No balance, salienta especialmente a reducción dos delictos contra o patrimonio que baixaron un 10%. Tamén diminuiron un 15,78% os delictos leves. Pola contra, aumentaron un 14% os delictos contra a seguridade colectiva, entre os que se inclúen os delictos contra a seguridade vial e contra a saúde pública.
CONVIVENCIA E SEGURIDADE ESCOLAR
A subdelegada tamén deu conta do traballo realizado nos centros de ensino de Cervo dentro do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar. Este plan pretende reforzar a prevención e vixianza nos centros escolares, poñendo á súa disposición a aseistencia técnica necesaria para previr e abordar os episodios que poidan ameazar a convivencia escolar, así como dar a coñecer ao alumnado, pais e profesoras os problemas de seguridade aos que están máis expostos os menores.
No curso escolar que vén de rematar, a Garda Civil impartiu 3 charlas sobre temátida de especial importancia para a seguridade da xente moza en centros escolares do concello de Cervo, que trataron sobre os riscos na Internet e as novas tecnoloxías e sobre acoso escolar. Estas actividades súmanse ás 4 charlas sobre incendios forestais e acoso escolar celebradas no curso 2016/2017.
SEGURIDADE EN EVENTOS MULTITUDINARIOS
Os asistentes á reunión desta mañá tamén se comprometeron a traballar de xeito conxunto no dispositivo de seguridade que se desplegará no municipio con motivo da celebración neste concello de citas festivas multitudinarias, entre as que destacan a festa da Maruxaina, en San Cibrao, e a Queimada Popular de Cervo, que se celebrarán no mes de agosto. Atendendo á súa competencia, o Concello deseñará os correspondentes dispositivos de seguridade, que contarán co reforzo de axentes da Garda Civil e do Subsector de Tráfico, que colaborarán para garantir que as celebracións transcurran sen incidencias destacables.