Site icon Crónica3.com A Mariña

A FCAM solicita por primeira vez un programa integrado de emprego por importe de 250.000 euros, no que estarán implicados os sectores do comercio, da industria e dos autónomos

A Mariña, 27 de xullo de 2018. A Federación de Comercio A Mariña solicita por primeira vez un Programa Integrado de Emprego por importe de 250.000 euros. Serán 100 persoas as que recibirán a formación, a través deste programa, cun 35% de inserción laboral.
Desde a Federación de Comercio A Mariña subliñan que “as obrigacións de reinserción laboral contan co respaldo dos 900 asociados e asociadas da FCAM e as obrigas financieiras estarán apoiadas por ABanca”.
A FCAM, que está formada por oito asociacións empresariais de sete concellos mariñáns: Foz, Ribadeo, Burela, Xove, Viveiro, Covas, O Vicedo e Lourenzá, considera que “reunimos os requisitos necesarios para poder poñer en marcha un PIE, Programa Integrado de Emprego, no que estarán implicados os sectores do comercio, da industria e dos autónomos. O seu ámbito de actuación serán estes sete concellos”. A Federación de Comercio A Mariña xera na actualidade 2.000 empregos directos e indirectos, segundo se pon de manifesto na memoria do proxecto presentado.
Entre o obxectivos deste PIE figuran: solucionar a carencia de socorristas na comarca; mellorar o sector turístico na Mariña; ofrecer formación ao comercio en materias transversais como informática, novas tecnoloxías, idiomas…; ofrecer formación en técnicas que melloren a motivación persoal para unha mellor busca de emprego; e prestar atención ás persoas desempregadas. A acción de intermediación sociolaboral ten por obxecto lograr a inclusión social das persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral axustado ás súas necesidades. Mediante a información, orientación e asesoramento, formación e prácticas laborais mellorarase a empregabilidade das persoas facilitando así a súa integración laboral e social.
A Federación de Comercio A Mariña ve un problema no sector turístico: “trátase da falta de socorristas nas praias. Os Concellos nos últimos anos están a ter moitos problemas para atopar profesionais que traballen durante o verán no nosos areais. E pensamos que é preciso buscar solucións para que este feito non volva a producirse”. De aí que dentro deste PIE proponse a realización de cursos formativos específicos, orientados a prácticas profesionais e posterior inserción laboral adaptadas ás demandas dos participantes e do sector empresarial da zona, que neste caso establece como prioritario o curso con certificado de profesionalidade: socorrismo en espazos acuáticos naturais.
Este Programa Integrado de Emprego tamén establece teleformación para satisfacer a demanda crecente das empresas do sector agroalimentario, con formación teórica e práctica. Con este PIE prepararase aos demandantes para inserción no pequeno comercio cara ás TIC e establecerase a realización de prácticas non laborais en empresas.
O carácter innovador do proxecto é o achegamento ao rural con formación e programación de actividades colectivas que favorecen a integración laboral e mobilidade laboral dentro dunha poboación dispersa e con dificultades de desprazamentos, dando a coñecer así alternativas incluso para o teletraballo ou para o autoemprego no rural. Nas accións formativas previstas empregaranse metodoloxías innovadoras e apoiadas na tecnoloxía e aplicación 2.0, como por exemplo a creación dun Wiki, as posibilidades que ofrece YouTube ou a creación dun SITE en Google.

Exit mobile version