Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 165.000 euros ao Concello do Valadouro para a mellora da estación de tratamento de auga e o sostemento dos servizos municipais de medio ambiente

O Valadouro, 17 de xullo de 2018.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de conceder ao Concello do Valadouro unha axuda por importe de 165.000 euros para impulsar novas obras e servizos de interese para este municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este apoio, artellado a través da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ten como obra máis salientable a destinada ao cambio de equipos de filtración e instrumentalización na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP).

Balseiro lembra que un dos servizos fundamentais que debe prestar a administración local é o de abastecemento de auga potable a domicilio e, en consecuencia, este apoio da Xunta contribúe a mellorar este servizo básico que, no caso concreto desta estación depuradora, emprazada en Santa Cruz abastece a preto de 260 habitantes e aos depósitos de Ribadela, Rio Cabreiro, Vilacemil e A Pedreira.

Compra dunha desbrozadora e coitela
Pero as achegas da Xunta tamén servirán para financiar outras adquisicións, como a compra dunha nova desbrozadora –valorada en 21.700 euros- que ten previsto empregarse para realizar tratamentos silvícolas de xeito mecanizado en vías e camiños forestais, áreas cortalumes ou nas súas faixas de xestión da biomasa de titularidade municipal, e para a compra dunha coitela dianteira para o tractor municipal que tamén se emprega nestes traballos.

Gastos de funcionamento
Finalmente, con cargo a esta axuda da Xunta e ata un importe máximo de 36.200 euros, teñen previsto financiarse os gastos de funcionamento do servizo de xestión de residuos, limpeza viaria e xestión de auga, así como da brigada de protección e mantemento de espazos naturais.

Trátase en consecuencia dunha achega con finalidade ambiental, en particular, para o sostemento dos servizos encargados do mantemento de parques e xardíns públicos, xestión dos residuos solidos urbanos e protección contra a contaminación acústica, lumínica e atmosférica nas zonas urbanas.

Ademais a Xunta financia os gastos ocasionados polos traballos de mantemento dos parques naturais do municipio, isto é o Parque de Concepción Arenal, Parque de Feira Nova, Piscina Municipal, Parque Biosaudable e paseo Fluvial do Rio de Ferreira, entre outros espazos verdes.

Exit mobile version