Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 221.000 euros para os Centros de Información á Muller e para desenvolver medidas de conciliación na comarca da Mariña

Lugo, 16 de xullo de 2018.- A Secretaría Xeral da Igualdade achega este ano 221.200 euros para o sostemento dos Centros de Información á Muller (CIM) e para o desenvolvemento de medidas de conciliación na comarca da Mariña.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que estas achegas permiten o mantemento do persoal que traballa nos CIMs, concretamente 28 na provincia dos que 10 corresponden aos centros mariñáns. Desempeñan labores de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

En concreto, a Xunta destina preto de 82.500 euros ao concello de Burela para o CIM, que conta con tres traballadoras que tamén dan cobertura á poboación dos municipios de Alfoz e O Valadouro. Ribadeo percibe 30.200 euros para o centro, que ten asociados os concellos de Barreiros, A Pontenova e Trabada e no que traballan dúas persoas e que asiste.

O CIM de Mondoñedo presta servizo a Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto; recibe unha axuda de 25.000 euros e conta con tres traballadoras. Por último, o CIM de Viveiro conta con dúas traballadoras e 31.500 euros de subvención.

A rede de centros de información á muller constitúe un instrumento fundamental para a implantación de políticas de igualdade eficaces e eficientes na Comunidade Autónoma, pois facilita un acceso máis rápido e eficaz a estes servizos e proporciona un espazo de proximidade que orienta, informa e asesora ás mulleres en materia de igualdade e dereitos e promove a súa participación activa en todos os ámbitos.

Polo que respecta ás axudas para poñer en marcha medidas de conciliación, Alfoz recibiu 11.000 euros, e Xove, O Valadouro e Mondoñedo percibiron 12.000 euros en cada caso, para proxectos como a apertura dos colexios fóra do horario lectivo ou a organización de campamentos para nenos e nenas, que axudan a compatibilizar os horarios en época de vacacións escolares. Finalmente, a Xunta outorgou 4.800 euros ao concello de Ourol para o funcionamento dunha ludoteca de verán.

Exit mobile version