Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colabora co Viveiro Club de Fútbol coa achega de 40.000 euros que permitirán a mellora das súas instalacións deportivas

Viveiro, 20 de xullo de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou que a administración autonómica colaborará co Viveiro Club de Fútbol a través da achega de 40.000 euros que permitirán acometer diversas melloras nas súas instalacións deportivas.

O delegado fixo este anuncio no transcurso dunha xuntanza, que tivo lugar esta tarde, coa directiva desta entidade deportiva e que vén precedida dunha reunión anterior na que lle trasladaron distintas necesidades do club.

A achega económica da Xunta servirá para sufragar os custes de posta en marcha dun sistema de rego automático, (na actualidade o campo carece deste servizo sendo preciso realizar esta operación de xeito manual) e na mellora da iluminación do estadio de Cantarrana.

Balseiro explicou que a axuda da Xunta debe instrumentalizarse a través dun convenio a subscribir entre a Secretaria Xeral para o Deporte e o Concello de Viveiro, por ser este o titular das instalacións deportivas. Con este obxecto avanza que contactarán coa entidade local para facer esta proposta que agarda desenvolver sen ningún inconveniente, tendo en conta o beneficio que reporta para o club.

A directiva trasladou tamén outras necesidades, como a mellora dos vestiarios ou da zona de aseos e nese senso, espera que outras administracións poidan implicarse tamén para completar as obras demandadas pola entidade deportiva.

O Viveiro Club de Fútbol dispón na actualidade dun equipo competindo na liga rexional preferente e de distintos equipos en categorías inferiores, algúns en competicións autonómicas. Ademais está a piques de celebrar o seu centenario.

Exit mobile version