Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mobiliza case 200.000 euros para reforzar o potencial turístico dos concellos da Mariña

Santiago de Compostela 19-7-18. O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, que permitirá dar continuidade á colaboración establecida con este destino desde hai anos para consolidar esta zona do norte da provincia de Lugo como un destino turístico diferenciado e de calidade.
O convenio mobilizará un investimento de preto de 200.000 euros, dos que a Xunta achegará 160.000 euros e que terá os 16 concellos da Mancomunidade como destinatarios. No marco desta colaboración, prevese a consolidación de produtos turísticos, a formación dos profesionais do sector e a posta en marcha de accións que reforcen o papel do Camiño de Santiago neste destino.
En concreto, o acordo, que estará vixente ata finais de 2019, inclúe a continuación das rutas de artesanía, e como novidade inclúe a posibilidade de realizar mapas ou material similar para facilitar a localización dos obradoiros e dirixir así o fluxo de visitantes directamente cara a estes recursos. Tamén se inclúe a continuidade de eventos como o Mes da Maxia, un produto turístico que se desenvolve nos meses de outubro e novembro, contribuíndo así a ofrecer atractivos turísticos tamén fóra de tempada alta.
Tamén se terá en conta o Camiño de Santiago, incluíndo a posibilidade de poñer en marcha ferramentas web que axuden á promoción do Camiño do Norte ao seu paso pola Mariña lucense. Afondarase igualmente na formación dos profesionais do sector, en especial os da hostalaría e inclúense accións encamiñadas a reforzar a comunicación e promoción xeral do destino.
No marco da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a Xunta afonda desde xeito na súa aposta por consolidar a Comunidade como un destino diversificado que é quen de ofrecer atractivos turísticos repartidos por toda a xeografía galega. En cada zona póñense en valor os seus mellores recursos propios, o que axuda a especializar a oferta e a desestacionalizar a chegada de visitantes, sempre con dúas premisas: a calidade e a sustentabilidade a todos os niveis.
A Mariña lucense consolídase como destino turístico, e acumula xa cinco anos consecutivos de incremento na súa demanda hoteleira. O Camiño do Norte, que entra en Galicia por esta zona do norte de Lugo, reforza o seu papel como terceiro itinerario preferido dos peregrinos. No que levamos de ano, esta ruta xacobea está a medrar a un ritmo de máis do 11%.

Exit mobile version