Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta remata as obras de mellora da cuberta do pavillón do colexio O Cantel en Foz que supuxeron un investimento de preto de 52.000 euros

Foz, 26 de xullo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar as obras de mellora da cuberta do pavillón polideportivo do CEIP O Cantel emprazado no concello de Foz.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Javier Jorge Castiñeira, visitou as instalacións para comprobar o resultado destes traballos executados nas pasadas semanas, para evitar interferir na actividade ordinaria do centro.

A administración autonómica destinou para este fin preto de 52.000 euros que permitiron a substitución dos translúcidos da cuberta por uns novos, a instalación de chapa prelacada así como a incorporación dun illamento intermedio con manta de fibra de vidro. Tamén se acometeu a substitución do canlón.

Balseiro explicou que coa mellora da cuberta deste pavillón a Xunta dá resposta a unha petición formulada polos representantes de nais e pais no Consello Escolar do centro e polo propio Concello.

O obxectivo final é que o conxunto das instalacións do colexio estean en perfecto estado de revista de cara o próximo curso escolar, incluídas as infraestruturas complementarias, como é esta pista polideportiva que se emprega en moitas ocasións polo alumando do centro.

Este colexia conta cunha matrícula de 187 alumnos que cursan Educación Infantil e Educación Primaria e un cadro de persoal de 17 mestres. Como novidade, o próximo curso contará cun especialista en audición e linguaxe a tempo completo.

Exit mobile version