Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa fai unha valoración moi positiva do I Desfile de Charangas. Moito público seguiu na rúa o percorrido que rematou no cantón coa entrega de agasallos ás catro participantes

Ribadeo, 15 de xullo de 2018. O I Desfile de Charangas, organizado por Acisa, encheu de cor e son as rúas de Ribadeo na tarde-noite de onte, sábado. Catro foron as formacións participantes: A Folixa, de Vegadeo, Habelas Hainas, de Barreiros, A Choca e Aturuxo, ambas de Ribadeo.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “esta primeira edición foi todo un éxito, polo que a valoración que facemos é moi positiva”. E quixo agradecer “a presenza das catro charangas asistentes, porque sen a súa presenza non se podería ter realizado. Sabemos que tiveron dificultades para poder asistir, estamos no verán, hai xente traballando, etc… e a pesares de todo viñeron e desfilaron”.
Francisco Iriarte tamén tivo palabras de agradecemento para Protección Civil e para o Concello “pola súa colaboración, así como para os membros da directiva que se involucraron nesta actividade”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo anunciou que “ xa traballamos na vindeira edición deste Desfile de Charangas, para buscar a mellor data co obxectivo de que poidan vir máis charangas de toda a zona. Houbo moitas que se interesaron en participar, pero finalmente non puideron acudir”. E engadiu que “conseguimos mover á xente por todo Ribadeo con música e con baile e estamos convencidos de que a hostalería notou a súa presenza, xa que as charangas nalgúns casos quedaron a cear, outras a tomar os viños… creando un grande ambiente en Ribadeo”.
O I Desfile de Charangas partiu da rúa San Roque e percorreu Luz Pozo Garza, avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez, avenida de Asturias e San Francisco para rematar no Cantón dos Moreno. Alí tivo lugar a entrega dos premios de 200 euros en vales compra e trofeos, cos que Acisa agasallou ás catro charangas que acudiron a esta cita.

Exit mobile version