Site icon Crónica3.com A Mariña

Acondicionado o paseo turístico de Vilavella ás Aceas grazas ás reclamacións do PSOE e veciños de Ribadeo

Ribadeo, 18 de xullo de 2018. O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo, César Fernández Murias, destacou este mércores que “os veciños de Ribadeo e os turistas poderán pasear con tranquilidade pola enseada, un paseo turístico que vai de Vilavella ás Aceas, unha das zonas referentes do noso Concello, que se atopaba con moita maleza e nun estado lamentable, pois o Alcalde do BNG levaba máis de 4 meses sen rozar”. Fixo estas declaracións tras o acondicionamento por parte do Concello de Ribadeo deste espazo natural de máis de 2,5 quilómetros despois das denuncias dos socialistas e os veciños do municipio.

O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo informou que este paseo, que conta a diario cun gran número de afluencia, é un dos puntos turísticos de referencia de Ribadeo, pois é un enclave que bordea o estuario e pasa pola praia urbana dos Bloques e o antigo muíño de mareas das Aceas, que vai cara o municipio asturiano de Vegadeo. Este espazo natural é unha pequena ruta moi empregada por deportistas, que lles gusta facer exercicio ao aire libre coas súas bicicletas, correndo pu paseando.

Fernández Murias criticou que “a falta de roza por parte do goberno do BNG fixo que o paseo estivera invadido pola maleza, suscitando unha imaxe de total abandono. E poñendo en risco a seguridade de todas as persoas que circulan por este paseo a cotío. Por estes motivos, dende o PSOE de Ribadeo esiximos ao Alcalde que acondicionara esta zona, un dos reclamos turísticos do noso Concello. Os socialistas escoitamos as inquedanzas dos nosos veciños, traballando e levando iniciativas como esta que buscan mellorar a calidade de vida dos ribadenses. É un orgullo que o esforzo que facemos por desenvolver políticas que cubran as necesidades dos nosos habitantes véxanse reflectidas con este tipo de actuacións”.

O miradoiro de Santa Cruz e os espazos verdes sen acondicionar
O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo criticou que “o miradoiro de Santa Cruz e a maioría dos xardíns e árbores das zonas verdes do Concello están aínda sen acondicionar. O Alcalde do BNG amosa unha total falta de interese por ter os espazos públicos en condicións, sobre todo na época de verán, que triplicamos o número de habitantes no municipio. Debería tomarse en serio as labores de conservación e mantemento e deixar de ofrecer unha imaxe prexudicial de Ribadeo que non se corresponde coa realidade dos nosos veciños”.

Sen pasamáns nas escaleiras do miradoiro
Fernández Murias demandou ao goberno municipal que dotara de pasamáns as escaleiras do miradoiro, “para non poñer en perigo a integridade dos veciños da zona e dos maiores do Concello que habitualmente as utilizan para ir á praia dos Bloques”.

Exit mobile version