Site icon Crónica3.com A Mariña

ALfredo Llano agarda que a construción da nova Edar se poida licitar a finais deste ano. Considera que se trata dunha obra maiúscula e moi necesaria para Burela

Burela, 19 de xullo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que a construción da nova EDAR se poida licitar a finais de ano. O rexedor e a concelleira Patricia Otero mantiveron hoxe un encontro con responsables de Augas de Galicia para coñecer de primeira man en qué fase se atopa o anteproxecto.
Para Alfredo Llano “a nova EDAR é máis que necesaria e está sendo proxectada para cubrir as necesidades presentes e futuras do concello de Burela, considérase que vai ser máis que suficiente para uns 18.000 ou 20.000 habitantes polo que cubriría perfectamente as nosas necesidades. Pero tal e como estivemos observando é unha obra maiúscula porque loxicamente hai que acometer actuacións auxiliares e complementarias, non soamente construír a EDAR, que iso é unha parte, senón que tamén hai que facer unha serie de canalizacións, de estruturas e de complementos para o bo funcionamento da EDAR. E por tanto non vai ser algo inmediato e rápido”.
O rexedor contou que “por exemplo o emisario por onde irán ao mar as augas residuais xa tratadas vai ter un diámetro de 2 metros, o que indica que polo menos vamos ter capacidade de desafogo; e as canalizacións que irán á propia EDAR terán entre 1,6 e 1,4 metros, polo que son extraordinariamente grandes. Tamén hai que facer tratamento de augas de chuvia para que cando chova moito poidan pararse nun lugar e vaian ao mar con todas as garantías”.
O alcalde de Burela confirmou que “agora mesmo o anteproxecto que se está tratando desta nova EDAR vaise poñer en fase de tramitación ambiental, dado que vai afectar a unha serie de infraestruturas, como o porto. Hai que facer un estudo ambiental e desde logo ver como se pode optimizar para que sexa a mellor obra posible e que se faga de maneira que as canalizacións estraguen o menos posible e queden para moito tempo. Polo tanto a tramitación ambiental é necesaria e pode levar dous ou tres meses e por iso ata finais de ano non poderá aparecer no DOG a publicación da licitación da construción da EDAR, que é o queremos conseguir que se faga neste ano para que sexa unha realidade en dous anos aproximadamente”.
Llano engadiu que “esta mañá tamén vimos os planos e como se está preparando esta EDAR, que é unha obra maiúscula, necesaria e importante que ten un orzamento duns 9 millóns. Por tanto pensamos que canto mellor e antes se poida facer mellor é para o noso pobo”.

Exit mobile version