Site icon Crónica3.com A Mariña

ASILO-LEMBRANZAS-VIII “Teatro Pro-Asilo”

O ano 1962 (hai 56 anos) a entón“Peña O Lar”, niño de numerosas iniciativas socio-culturais e benéficas, acordaba iniciar os traballos tendentes a conseguir os medios económicos precisos para dotar de calefacción ao Asilo de Anciáns; ó efecto nomeouse unha Comisión, da que era Presidente Andrés Carro “do retratista”, de Foto Celta. E foi o teatro a actividade elexida para dar a saída a unha campaña ilusionada, que duraría no tempo, pois á primeira representación (1962) da obra “La vida privada de mamá” para, ao seguinte ano, poñer en escena “Don Armando Gresca”;ambas comedias, obra de Víctor Ruiz Iriarte, a primeira; e de Adrián Ortega,a segunda.
Para tal realización, improvisouse un elenco que o nutrían un feixe de rapazas e rapaces da vila: Carmucha de Severo, Geluca, Chicha Veiga,Ana e Paca da Botica,Angelines Otero,Pili Leitón e Marita; Pedro del Riego,Pepe Marful,Moncho Hermida,Alfonso Neira”Chichita”,Manolo de Paquita, Cesarín e o cronista que suscribe.
O asunto central da primeira consistía na contraposición entre a severa moral, que parecía ostentar a protagonista, e a súa vida privada auténtica. Teresa, viuva desde había 20 anos, aparentaba non ter relación amorosa algunha, en todo ese tempo; pero, o día da boda da filla, aparecen na súa casa catro supostos pretendentes que esperaban ese momento para realizar o seu soño…
En “don Armando Gresca”, Armando Niceto Albarracín,é un home tan rico coma rexoubeiro; e, antes de morrer, firmou un testamento imposible para entolear un pouco mais á súa familia, que levaba toda a vida esperando herdar.Armando Gresca, viuvo acostumado a facer o que lle petaba,e que odia a súa prima Paloma de la Paz,viuva tamén…
A esixencia do tío Niceto de que, para herdar, tiña que haber voda dos seus fillos,enfronta mais á familia… Pero iso é só o principio da hora e media de enredos, que dura a comedia. Ambalas dúas representacións, nos anos 1962 e 63, tiveran por marco o primitivo “Cine Cageao”, que hoxendía ocupa, parcialmente, a Librería Bahía: baixo a dirección do matrimonio don Ramón Fernández Quiroga e dona Inés Díaz, mestres ambos no Colexio de Foz; acadaran senllos éxitos, así como en outras representacións levadas a algunhas vilas da bisbarra. Fora decorador das mesmas, Martín Jaureguizar.
Os resultados económicos destas primeiras actuacións pro-calefacción do Asilo, foran motivo dun optimismo acentuado para os promotores…, que tiñan aínda moito camiño que andar para acadar o obxetivo marcado, e que, con grande ledicia, se alcanzaría dous anos mais tarde en que, con manifesta algarabía, celebrouse a prineira posta en servicio daquela calefacción, que tanto desexaban as monxas e velliños/as do histórico asilo focego.

Exit mobile version