Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro lembra á Loureiro que a Xunta asume o cen por cen dos 96.000 euros que costa a obra de mellora na avenida Benito Galcerán de Viveiro

Viveiro, 31 de xullo de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, saíu ao paso das declaracións efectuadas pola alcaldesa de Viveiro, e lembrou que a administración autonómica asume o cen por cen do custe da obra de mellora proxectada na avenida Benito Galcerán desta localidade.

“Se a alcaldesa quere dicir a verdade aos veciños terá que explicar que os 96.000 euros que se teñen previsto investir na renovación das beirarrúas deste espazo, e na mellora das redes de abastecemento e saneamento proceden integramente de recursos da Xunta, de fondos autonómicos”.

Balseiro dixo tamén que, por respecto á autonomía local, son os concellos os que deciden a que obras concretas destinan estes fondos, “pero é a Xunta é a que pon o diñeiro, sen custe algún para a facenda local”

Ademais, tal e como indicaba a comunicación efectuada pola Xunta, estes recursos teñen a súa orixe no canon eólico (Fondo de Compensación Ambiental) unha ferramenta de apoio aos municipios creada en 2010 polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, “e que daquela contou, por certo, co voto en contra do PSOE”

Balseiro amosa a súa sorpresa pola reacción da alcaldesa e asegura que “cada vez que desde a Xunta comprometemos un investimento en Viveiro, atopámonos co enfado de Loureiro. Teño que dicir que este é o único concello da provincia en que ocorre isto, todos os demais reciben con satisfacción o apoio económico da Xunta para impulsar diversas obras e servizos en beneficio dos intereses dos seus veciños, e, neste caso concreto, dos residentes e usuarios desta rúa”.

Exit mobile version