Site icon Crónica3.com A Mariña

Campos Conde e Losada de Azpiazu avanzan no seu primeiro encontro sobre as necesidades dos 300.000 veciños da provincia

Lugo, 27 de xullo de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este venres un encontro co novo Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada de Azpiazu. Trátase da primeira reunión de traballo no que ambos os representantes avanzaron sobre as necesidades e reivindicacións que teñen os máis de 300.000 veciños da provincia de Lugo.

Campos Conde apuntou que “creo que é preciso poñer en valor este encontro, no que estamos a avanzar en todo o traballo que aínda nos queda por facer para dar resposta as necesidades dos veciños, que defendiamos antes e que continuamos a defender hoxe en día. Nos non somos como o PP, indiferentemente se estamos no Goberno ou na oposición, continuamos a defender as mesmas reivindicacións para a provincia de Lugo”.

“Considero, máis concretamente, que se deben reforzar os medios, tanto persoais como humanos, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Ademais, dentro da figura que ten o Delegado, de mediar entre o Goberno e os Territorios, é preciso que se poñan a disposición dos Concellos para que dispoñan dos seus recursos, como son os remanentes ou a taxa de reposición. Son varias as infraestruturas que reivindicamos e que precisamos na provina de Lugo, e que agardamos se nos teñan en conta”, apuntou.

Neste senso, apelou tamén á situación do Goberno Central “no que é preciso chegar a acordos e consenso para poder desenvolver os proxectos que a cidadanía se merece”.

Losada de Azpiazu destacou que “hoxe para min é un día de ledicia pois, vir a Lugo, é vir a unha provincia que ten un gran potencial. Viñen a trasladarlle ao Presidente o apoio do Goberno de España aos proxectos para os que hai compromiso, tanto do Goberno de España, como do Presidente Pedro Sánchez, como son a alta velocidade nos tempos previstos, conseguir que a conexión a Santiago por autovía remate tamén nos tempos indicados, para darlle un pulo á conexión con Ourense, para facer da seguridade ou contra a loita contra a violencia de xénero”.

“Tal e como dixen cando tomei posesión como delegado do Goberno de España, busco a proximidade, chegar a todos os recunchos de Galicia, así como escoitar aos cidadáns e tamén que os cidadáns escoiten a labor deste goberno. Hoxe tiven a oportunidade de trasladarlle ao Presidente os proxectos xa en marcha e tamén ir preparando as vindeiras reunións para que as actuacións que xa estaban comprometidas, pero que nunca se levaron a cabo polo anterior goberno, se fágan realidade, porque os lucenses meréceno”, destacou.

Exit mobile version