Site icon Crónica3.com A Mariña

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS: “Un novo 25 de xullo”

Un 25 de xullo, outro máis, un novo día da Patria Galega. Unha data sinalada no almanaque, ben entrada a tempada estival, en Agosto parase o mundo e algúns baixamos para visitar praias e areais.
Festividades por toda a xeografía e o retorno vacacional daqueles que atoparon na volta ao pobo e á familia unha nova forma de lecer, unha merecida desconexión.
Ningún 25 de xullo volveu a ser o mesmo dende o ano 2013 onde, na véspera, a escasos 3 km. da capitalidade de Compostela, na curva da “Grandeira”, un Talgo Serie 730 que cubría un servizo Alvia, descarrilaba causando 80 vítimas mortais.
Os acontecementos que se precipitaron posteriormente están gardados na retina do imaxinario colectivo máis escuro da nosa Historia. Á carnicería e esperpento do momento engadíuselle unha importante dose de solidariedade espontánea, compromiso e autoxestión. Xa se sabe, nos peores intres aflora o mellor da condición humana.
Argallar nas feridas e fedellar nelas só serve se é para curar, por iso á Xustiza é o único fármaco que pode paliar o padecemento social, as doenzas colectivas.
Así, do mesmo xeito que a traxedia trouxo humanidade, a xestión institucional, xudicial e mediática foi a mostra máis fidedigna da ruindade, do cinismo e da descomposición moral.
Dáse comezo a unha instrución onde tras anos de dilixencias, e previa a substitución do xuíz Alaez, volvese ao punto de partida: a exclusiva imputación do maquinista Francisco José Garzón Amo.
Finalmente, e tras múltiples recursos, o colectivo de familiares das vítimas, facéndose eco do criterio da Axencia Ferroviaria Europea, acadan a reapertura de fase de investigación co chamamento dos cargos de Adif.
“Intereses e comerciais e políticos foron antepostos á seguridade da xente” afirmaba Jesús Domínguez, voceiro da plataforma de Vítimas de Alvia 04155 no Congreso dos Deputados.
A responsabilidade solidaria e xerarquizada, que impera con carácter xeral como principio do Dereito, mudou nunha presunción de culpabilidade deica o maquinista. Había certa honestidade de fondo cando o tipo, na súa comparecencia na comisión parlamentaria a semana pasada, entre bágoas, afirmaba preferir ter perdido el a vida antes que calquera dos que morreron aquel día.
“Un día ía pasar, somos humanos e xa llo dixera ao de seguridade.”
Este 25 de xullo aínda non poderemos ter unha festividade plena mentres exista impunidade, mentres se utilicen as institucións para someter á xente, en tanto que a política sexa un medio para presionar aos agraviados. Por iso 5 anos despois seguimos a pescudar que pasou en Angrois, por iso mesmo non debe abandonarse nunca a búsqueda da verdade.

Exit mobile version