Román Rodríguez explicou que este convenio é o principio do fin dun proceso delongado no tempo, pero que está a piques de concluírse. E lembrou que o proxecto dun museo para o príncipe das letras mindonienses é unha aspiración colectiva do pobo de Mondoñedo. Neste sentido, Rodríguez afirmou que esta casa museo será un novo referente no eido do turismo literario para Galicia, recordando que Mondoñedo e a praza da Catedral son puntos principais dos Camiños do Norte, incluídos na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.
O titular de Cultura subliñou, así mesmo, a aposta por unha difusión rigorosa e adaptada a todos os públicos da vida e obra de Cunqueiro, defendendo a idoneidade da elección da casa na que o autor mindoniense escribiu obras tan emblemáticas como o Merlín e familia. E agradeceu o liderado do Concello de Mondoñedo e da súa alcaldesa, Elena Candia, para facer deste proxecto unha realidade.
A actuación inclúe unha parte dotacional que abrangue a adquisición de equipos audiovisuais, a instalación do sistema de seguridade e accesibilidade do centro, a produción de contidos gráficos e audiovisuais, así como da moblaxe específica para o espazo expositivo, e a documentación e deseño de contidos da musealización do fogar de Cunqueiro.