Site icon Crónica3.com A Mariña

“Fotogramas dunha historia interminable”

Ao pouco de chegar a Burela, fai xa 17 anos, vin o muro do porto. É fácil velo, a verdade. Sobre 100 metros de paredón branco feito con paneis de 6 metros por 2, todos iguais, todos a 3 metros do chan, pegadiños ao mar, paralelos a el, sobre outro muro de grandes pedras rectangulares. Menudo escenario. Sentín daquela unha cousa semellante á que se podería sentir se un entrara no Museo do Prado e todas as paredes estiveran desertas de obras de arte. Baleiras. A ese muro faltabálle algo. A ese diario faltábanlle as historias. Era coma os grelos sen o lacón, coma o polbo sen o aceite de oliva e pemento. Iso pensei: Que BONITO sería velo cheo de ARTE. De punta a cabo, dun extremo ao outro. Pareceume unha utopía, pero pequena, non a do Mundo Feliz de Huxley, nin a dun mundo sen guerras, non, non, algo máis sinxelo. Factible incluso. Anos despois, tendo a oportunidade de botar un cable no plano cultural deste pobo mariñeiro con encanto, parte dunha Mariña máxica e chea de posibilidades, puidemos facer aquel soño realidade, aquela rebeldía da imaxinación podería tomar forma. Déronse os pasos administrativos necesarios e naceu A-mar-te. Cando os artistas remataron a primeira edición a satisfacción foi enorme. Foron quenes de convertir os bocetos que propoñían ao principio en xigantescas pinturas evocadoras do mar e dos seus segredos. Empezaban a desfilar os fotogramas dunha película en torno a este tesouro azul que baña a nosa costa. Este ano tócalles a outros 10 artistas seguir agrandando o soño, que xa non e só meu, senon de todo o pobo, de toda esta comarca, que como equipo, como unha soa, penso que sería incomparable a ningunha outra do país. Vir o primeiro fin de semana de agosto a degustar o bonito que aquí sabe como non sabe en ningún outro lugar (porque chega a porto entre algodóns e cocíñase entre fogóns con forma de corazóns), e dar un paseo polo muro, vendo aos pintores crear as súas obras, as nosas obras, é o mellor plan que se pode facer este fin de semana, créanme. Xa sei que podo non resultarlles obxectivo dado que falo desde dentro, pero asegúrolles de corazón que a miña intención é selo. A única maneira de saber se é certo o que lles conto é achegarse a Burela este fin de semana. Moitos xa o ían facer, estou seguro, pero os que non o tiñan claro ou non sabían disto, agora xa o saben.

José Díaz
Concelleiro de Cultura (Burela)

Exit mobile version