As Xornadas de Historia Local téñense convertido xa a esta altura en toda unha referencia da proposta cultural do Concello de Foz, pola súa contribución a pór en valor o pasado de Foz. Segundo o presidente da entidade Xoán Ramón Fernández Pacios “ as xornadas son unha aposta por dar a coñecer a nosa historia, divulgar o noso pasado, interpretalo e conservalo coa complicidade das xentes de Foz, xa que son os seus veciños os que coa súa asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano”.
As xornadas inícianse o luns 30 de Xullo ás 20:30, na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz coa proxección do documental inédito “Foz, Cangas e Lourenza”, grabado a comezos dos anos 50 polo cangués Antonio Díaz Ortiz e cunha palestra posterior a cargo de Martín Fernández Vizoso. Nela farásenos un percorrido pola traxectoria vital do autor do documental.
A charla de Fernández Vizoso, titulado “Antonio Díaz Ortíz, cineasta, empresario e oficial republicano”, repasa a vida deste veciño de Cangas que despois de combater ao lado do exercito republicano e fuxir da represión franquista, instalouse en Madrid, onde se significou como importante empresario, mantendo ao longo da súa vida unha grande paixón polo audiovisual. A cinta agora recuperada por Fernández Vizoso, conservada pola familia de Díaz Ortíz, preséntanos imaxes dun Cangas, dun Foz e dun Lourenzá descoñecido, pousándose nos nomes de moitas persoas e familias destas localidades
O martes 31 de xullo ás 20:30 na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, a quenda correspóndelle Xosé Ramón Ermida Meilán, autor de diversos traballos de investigación sobre a localidade, algúns dos cales foron publicados en diversas edicións da revista Bolanda. A palestra de Ermida titulada “ A fotografía focega. 1906-1936” propón unha viaxe, a través da fotografía, pola historia da localidade nas primeiras décadas do século XX, centrándose nos trabalos fotográficos de Alberte Bravo, Andrés Gamboa e Manuel Luxilde. Fotógrafos cos que contou en Foz nese período, así como na obra do ribadense Bieito Prieto e do mindoniense Santiago Pernas. Ermida proxectará cincuenta instantáneas destes autores, entre elas a primeira colección de postais da localidade, realizadas na década de 1910.
O mércores 1de agosto, tamén na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz e no mesmo horario, as 20:30, terá lugar unha conferencia impartida por Xé Freire. O investigador mindoniense é un dos grandes coñecedores da comarca mindoniense no período da I restauración e achegáronos a ese momento histórico no concello de Foz. Un dos eixos sobre os que xirará a palestra de Freire é a relación mantida coa nosa localidade polos máis importantes intelectuais mindonienses, sinalándose entre eles Eduardo Lence Santar. Aproveitando a figura do primeiro cronista oficial de Mondoñedo, Xe Freire abordará a relación que Lence mantiña con Foz, onde veraneaba e onde colleitou grande número de amigos. Así mesmo Foz estivo presente en moitos dos temas que Lence Santar investigou, algo que demostrará Xe Freire.
As xornadas pecharanse finalmente o xoves 2 de agosto ás 20:30 cunha mesa redonda onde participarán diversos focegos que desenvolveron a súa actividade profesional como carpinteiros de ribeira. A mesa redonda, conducida por un membro da asociación cultural A Pomba do Arco, contará coa participación Santiago Pérez, Pedro Fraga, Carlos Villarino, Alfredo Sixto, Ramón Cuadrado, Alfonso García e Juan Necega, cubrindo o período da construción naval en Foz desde 1942 até os nosos días. As persoas que estarán presentes nesta palestra son só unha representación significativa dunha actividade que chegou a ocupar moitas persoas na nosa vila, sendo un exemplo disto os estaleiros de Juan María e do seu fillo Suso, de Santiago da Puebla, dos Morenos, de David ou de Cesar Beltrán. A mesa redonda ten o obxectivo de perpetuar e homenaxear unha profesión cunha longa tradición na vila, até o punto de aparecer reflectida esta actividade nas crónicas do licenciado Molina a comezos do século XVI.