Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Burela reúnese este xoves, en Santiago, con responsables do Consorcio da Igualdade e do Benestar para abordar as deficiencias estruturais da escola infantil. O rexedor tamén estará en Augas de Galicia para informarse do proxecto da nova Edar

Burela, 18 de xullo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, viaxará mañá a Santiago para manter sendas xuntanzas con responsables do Consorcio da Igualdade e do Benestar e de Augas de Galicia. O rexedor, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, plantexaralle ao Consorcio os problemas estruturais que está a sufrir o edificio da escola infantil para que os arranxen canto antes. Por outra banda, en Augas de Galicia interesarase pola marcha do proxecto da nova Edar.
Alfredo Llano explicou que “mañá, nos desprazaremos a Santiago xunto coa concelleira Patricia Otero, e imos falar alí cos responsables do Consorcio da Igualdade e do Benestar. Temos varios temas, pero un deles é un estrutural do edificio que agora mesmo xa empeza a ter unha serie de problemas na parte que corresponde á súa estrutura, a humidades e hai tamén problemas nas portas. Temos unha serie de deficiencias, que xa nos pasou a dirección do centro, que queremos ver. Ten que estar en garantía para que se subsanen o antes posible e darlle un repaso global ao edificio para que non siga deteriorándose antes de tempo. Desde logo ten que responder ao cumprimento de que é un edificio ben feito con todas as garantías e todos os servizos perfectamente en marcha”.
O alcalde engadiu: “tamén falaremos da comisión de seguimento que a ver si se desprazan a Burela para facer a correspondente análise e valoración do que se leva investido tanto por parte do Concello como por parte do Consorcio. Falaremos ademais do número de prazas e de todo aquilo que sexa bo para determinar como podemos facer para mellorar o servizo das escolas infantís en Burela”.
O rexedor contou que “nos achegaremos ata Augas de Galicia, xa quedei alí cos técnicos e cos responsables, para falar da Edar, para ver o grado de desenvolvemento do proxecto, de cómo vai avanzando e que nos digan de primeira man como teñen pensada a realización e así ir dando os pasos necesarios e suficientes para que se poida licitar esta obra o antes posible. Faremos esas dúas visitas, por un lado ao Consorcio e por outro a Augas de Galicia, sempre co propósito de traer as mellores noticias para Burela”.

Exit mobile version