Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo comezou a rehabilitación do edificio das escolas vellas de Cervo

Cervo, 6 de xullo de 2018.- O Concello de Cervo vén de comezar os traballos de rehabilitación do edificio que albergaba a antiga escola unitaria de Cervo, coñecido como as Escolas Vellas.
O alcalde, Alfonso Villares, o edil de Obras, Plácido Pérez, e o Presidente da AC Airiños do Xunco, Rafael Blas, estiveron supervisando a actuación para a que se destinan 170.000 euros, provintes do Plan único da Depuración Provincial, que lle corresponden a Cervo.
Trátase dun edificio de planta rectangular, cunha superficie de 270 m2, e tal e como explicou Villares a actuación a realizar comprenderá cambios na estrutura da cuberta, instalando novos canlóns e baixantes para evitar filtracións de auga, ademais farase un saneamento exterior e interior para evitar humidades e mellorarase o illamento térmico e acústico “co que conseguimos gañar en eficiencia enerxética e tamén o acondicionamos para o uso que está a ter maioritariamente hoxe en día, tendo en conta que se trata dun centro cultural con moita actividade e moi frecuentado polas agrupacións locais; xestionado desde vai anos pola AC Airiños do Xunco”.
Tamén se substituirán, así mesmo, as carpinterías exteriores, por novas portas e ventás de PVC e incorporaranse dous baños (ata agora estaban no exterior), un deles adaptado, cumprindo coa normativa de accesibilidade, e tamén se actuará na parte externa do edificio, para facelo, así mesmo, máis accesible.
Villares recordou a efeméride que tivo lugar a finais do pasado ano “cando celebramos o centenario destas Escolas, que tivo como acto central a presentación da Crónica Histórico Literaria de Paco Piñeiro, pois ben, “con esta actuación que estamos a levar a cabo, e que estimamos ter rematada nuns tres meses, pretendemos poñer en valor este edificio histórico do noso Concello, que foi doado no seu día por unha familia local que emigrou a América, e que tantos recordos e bos momentos garda para moitos cervenses”.

Exit mobile version