Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo traballa na posta en valor dunha parcela municipal en Cuíña na que se acharon petróglifos

Cervo, 9 de xullo de 2018.- O Concello de Cervo traballa na posta en valor dunha parcela municipal, de 6 hectáreas, ubicada no Polígono de Cuíña, na que se acharon recentemente petróglifos.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, mantiveron un encontro de traballo con responsables da Fundación Alcoa e de American Forest “co fin de planificar a actuación, que se desenvolverá en dous anos, e que ten como principais obxectivos garantir a convivencia destes gravados coa xeración dun bosque autóctono, ao tempo que afondamos na vertente educativa, porque se programarán diferentes plantacións cos escolares do municipio”, apuntou Villares.

A comezos de ano, tal e como recordou Méndez, “comezamos a facer traballos de roza e limpeza nesta parcela que está moi preto do casco urbano de San Ciprián; na que había un eucaliptal que substituiremos por árbores do país “porque cremos que a recuperación dos bosques típicos galegos é beneficioso a todos os niveis, tanto pola súa compoñente turística, como produtiva; xa que estas fincas poden ser a medio plazo un importante recurso para reforzar as economías familiares”.

O proxecto de reforestación desenvolverase ao longo de dous anos nos que se plantarán, en varias fases, 3.700 árbores autóctonas.

Durante o outono de 2018 levarase a cabo a primeira etapa, coa plantación de 1620 especies. Como complemento, organizarase unha xornada de voluntariado para 100 escolares do municipio cos que se plantarán 200 árbores.

No outono de 2019 completarase o proxecto coa plantación doutras 1.700 autóctonas. Nesta fase volverase a planificar un novo voluntariado ambiental para o alumnado do Concello de Cervo, coa plantación doutras 200 especies.

Villares recordou que no Concello de Cervo levamos 10 anos desenvolvendo un proxecto integral de reforestación con árbores autóctonas nas fincas de titularidade municipal “coa intención de preservar e potenciar todo o patrimonio natural que identifica ao noso municipio”, a día de hoxe –apuntou “plantamos máis de 8.000 árbores autóctonas en máis de 20 hectáreas de terreo municipal, que outorgan un valor engadido aos nosos montes”.

Exit mobile version