O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que “comezaron os traballos de impermeabilización da fachada de A Galiña Azul, da gardería infantil do noso concello. Como xa se dixo no seu momento, retrasáronse ata agora porque é cando non hai actividade escolar no centro”.
O rexedor focense explica que “estas obras estanse realizando co financiamento dos orzamentos municipais do ano pasado. Son máis de 17.000 euros de investimento, obra que está a realizar a empresa local Pinturas Xurxo. Consta de reparación das gretas das fachadas e pintado cunha pintura impermeabilizante, e reparación tamén dos canlóns”.
Javier Castiñeira engade que “era un requirimento que nos facía o consello escolar de A Galiña Azul, posto que xa había humidades nas zonas interiores e é inadmisible para unhas instalacións deste tipo, para rapaces os con idades de 0 a 3 anos que alí están. É unha acción importante dentro do mantemento dos edificios do noso concello que se están a facer”.
O alcalde lembra que “como xa informamos a semana pasada, está a piques de rematar ademais a impermeabilización da fachada do centro social, que tamén ocasionaba moitas humidades. Polo tanto entre unha obra e outra son máis de 50.000 euros investidos en mantemento dos nosos edificios sociais, cumprindo, unha vez máis, todos aqueles compromisos que se aceptaron no seu día no pleno da corporación para aprobar os orzamentos”.