Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo reforma unha beirarrúa na Avenida de Bos Aires

Mondoñedo, 11 de xullo de 2018.- O Concello de Mondoñedo pon en valor as actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar no tramo urbano da LU-124 na Avenida de Bos Aires.

Trátase da rehabilitación dun tramo de 150 metros da beirarrúa da fachada traseira do Seminario de Mondoñedo onde se están a substituír as tubaxes da rede de abastecemento de auga potable e a rede de sumidoiros; ademais de colocar plaquetas e construír unha gabia de 30 centímetros por onde discorran as augas pluviais ata a rede de sumidoiros.

A alcaldesa, Elena Candia, asegura que “con esta intervención se renovan as tubaxes e os servizos de abastecemento e recollida de augas”. Tamén destaca a popular que “este tipo de melloras contribúen a mellorar a imaxe da cidade”.

Esta actuación, que conta cun investimento de 22.000 euros por parte da Xunta de Galicia, rematará en dúas semanas. Posteriormente, tamén se procederá á colocación de protectores para os colectores do lixo.

Exit mobile version