Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo comezou hoxe as obras de asfaltado e rebacheo en varias estradas locais

Ribadeo, 18 de xullo de 2018. O Concello comezou hoxe os traballos de asfaltado e rebacheo en varias estradas locais. Estas obras estaban paralizadas desde hai seis meses por mor da mala climatoloxía. O alcalde en funcións, Vicente Castro, agarda que as obras rematen no prazo duns quince días.
O rexedor anunciou que “comezaron os asfaltados e rebacheos que estaban paralizados dende hai seis meses, por mor das choivas permanentes que tivemos, e que hoxe se realizaron nas estradas da costa”.
Castro engadiu: “contamos que nun período de quince días queden cubertas todas as fochancas da costa e do interior. En breves datas tamén se iniciarán outras labores de asfaltado, pero xa con aglomerado asfáltico, en distintos núcleos do concello de Ribadeo”.
Senda do Cantábrico
O alcalde en funcións tamén se referiu hoxe ao mal estado no que se atopa a Senda do Cantábrico, competencia da Xunta de Galicia: “estes días sairon á luz uns comunicados do PP con inquietude sobre o estado do paseo das Aceas, o cal me parece normal e natural dado o estado que presentaba. Pero tamén me gustaría que a xente do PP tivera a mesma sensibilidade e preocupación por outros lugares, que lle corresponde manter á Xunta, como é o caso da Senda do Cantábrico ao seu paso por Piñeira, A Devesa e Rinlo”.
Vicente Castro lembrou que “en maio, concretamente o día 14, se lle remitiu un escrito á Xunta solicitando o mantemento e limpeza desa senda ao que fixeron caso omiso. Repetíuselle o escrito e o recordatorio o 11 de xuño, que seguía na mesma situación, e o 27 de xuño volvéuselle a remitir. A data de hoxe seguimos sen que esta senda estea limpa, unha senda que ten moito movemento nesta época e que nos gustaría que tamén os do PP se preocupara un pouco porque a Xunta levara a cabo este mantemento e esta limpeza”.

Exit mobile version